O concurso de parodias 'Feito na casa' sae á rúa con motivo do Entroido de Sanxenxo
Por Redacción
Sanxenxo prepárase para vivir un Entroido de transición cara á esperada normalidade apostando por actividades ao aire libre que manteñan vivo o espírito destas festas fomentando a diversión entre os veciños.
Na programación destaca o concurso de parodias 'Feito na casa', que sairá á rúa o próximo 6 de marzo cos participantes tratando de representar situacións da vida cotiá con enxeño e humor. A cita terá lugar na Praza dos Barcos e como novidade este ano contará cun incremento na contía dos premios para tentar animar á participación.
En concreto repartiranse 2.350 euros entre as súas diferentes categorías, cun período de inscrición que abrirá o 17 de febreiro ás 9.00 horas e finalizará o 4 de marzo ás 12.00 horas. O concurso comezará ás 17.00 horas coa modalidade infantil na que se repartirán 750 euros en 8 premios, e ás 18:30 horas empezará a de adultos (participantes de 13 anos en diante) con 1.600 euros en 8 premios. O xurado valorará a orixinalidade do disfrace, a posta en escena e os complementos.
Ademais a programación do Entroido inclúe animación na rúa desde o 27 de febreiro e obradoiros de disfraces para nenos de entre 3 e 12 anos, de 10.30 a 13.30 horas no edificio de usos múltiples de Portonovo, o 28 de febreiro; no Pazo Emilia Pardo Bazán, o 1 de marzo, e no pavillón de Vilalonga, o 2 de marzo. As prazas son limitadas e será necesaria anotación previa no teléfono 986 727 936.
O mércores 2 de marzo Portonovo acollerá o Enterro da Sardiña, cun velorio e percorrido polas principais rúas da localidade a partir das 20.30 horas finalizando coa tradicional queima no recinto portuario.
Por último o 5 de marzo, tamén en Portonovo, terá lugar a Festa do Jato.