A Aixola impartirá sete novos cursos e outras accións formativas para o sector marítimo-pesqueiro galego
Por Oskar Viéitez
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou este martes o centro educativo A Aixola xunto ao presidente da Autoridade Portuaria de Marín e ría de Pontevedra, José Benito Suárez, logo de renovar a colaboración entre ambas entidades para o uso das instalacións deste centro de formación dependente da Consellería do Mar.
Ao acto tamén asistiron o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e a directora-xerente do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, Paloma Rueda.
Este ano A Aixola impartirá sete novos cursos e outras accións formativas cunha oferta de 129 novas prazas, entre marzo e decembro, que supoñen máis de 2.100 horas de formación de carácter gratuíto e que beneficiarán a operarios do sector pesqueiro así como pescadores e mariscadoras, cónxuxes destes ou persoas con titulación ou certificado para traballar no sector pesqueiro.
Neste sentido, Rosa Quintana enmarcou esta formación marítimo-pesqueira adaptada ás necesidades do sector coa aposta de Galicia pola remuda xeracional neste eido.
Nesta liña, este centro oferta máis dun cento de cursos de formación continua e ocupacional destinados aos traballadores do sector e relacionados coa manipulación de redes, madeira e outros materiais, a velaría e a reparación de embarcacións pneumáticas así como o mantemento de instalacións eléctricas e mecánicas en buques menores.
Trátase dunha oferta cunha orientación totalmente práctica, na que se integra a teórica, e que pretende emular o traballo nas empresas ao contar cun profesor-titor ao que se lle asigna un grupo de aprendices en cada especialidade.
Esta nova oferta de A Aixola inclúe un novo curso de Operacións de habilitación en embarcacións menores, con seccións de madeira e tapicería para interiores de barcos, e Reparación de flotadores de embarcacións, da área dos servizos náuticos. Ademais ofertarase unha nova formación de modelado de poliéster, denominada Modelado manual de poliéster para pezas de uso en acuicultura e construción naval, que permite completar as competencias adquiridas nos cursos de laminación ofertados en anos anteriores.
A Consellería do Mar xestiona a formación na Aixola, a través do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, e corre cos seus custos, e a Autoridade Portuaria cede o uso das instalacións.
Relacionadas:
-
Celebración dun cuarto de século do Centro de Formación A Aixola de oficios do mar
Por Redacción |
-
A Aixola inicia o curso con 40 prazas en tres novas accións formativas para o sector pesqueiro
Por Redacción |
-
A Aixola estende o seu plan formativo con 60 prazas máis en cinco novos cursos gratuítos
Por Redacción |