Xulgan un home por abuso sexual á filla de 4 anos da súa parella
Por Redacción
A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra xulgará o vindeiro xoves 17 de febreiro un home acusado dun delito de abuso sexual do que a vítima é unha menor de tan só catro anos, a filla da súa entón parella sentimental.
A Fiscalía pide que o home sexa condenado por un delito de abuso sexual a menor con introdución de membros corporais na vía vaxinal coas agravantes de escaso desenvolvemento intelectual e físico da vítima que a colocou en situación de total indefensión e a de prevalimiento de relación de superioridade/parentesco coa vítima.
Por este delito, pide á Audiencia que condene ao acusado a 11 anos de prisión e se lle impoña a prohibición de aproximarse á vítima, ao seu domicilio ou calquera lugar frecuentado por ela, dentro dun radio de 500 metros, durante 14 anos. Tamén pida que se lle impoña a medida de liberdade vixiada durante un período de catro anos unha vez que saia de prisión.
Así mesmo, o fiscal pide para o acusado a inhabilitación especial para calquera profesión ou oficio, sexa ou non retribuído, que conleve contacto regular e directo con menores de idade durante tres anos despois da súa posta en liberdade e que indemnice á vítima con 1.000 euros polas lesións que lle provocou e 8.000 euros polos danos morais. Tamén deberá pagar ao Sergas 4.557,71 euros pola asistencia prestada á menor.
Os feitos ocorreron en abril de 2020, cando o acusado levaba dez meses de relación sentimental coa nai da menor e, en ocasións, ambas pernoitaban na vivenda do procesado. O 8 de abril, acudiron ao seu domicilio a altas horas da madrugada, a nena quedou durmida no sofá e o procesado deitouna na súa propia cama mentres discutía coa súa nai no salón.
Pola mañá, a nai foise da casa deixando á súa filla durmida e, a pesar de que tentou volver entrar na casa varias veces, non o logrou e só puido facelo varias horas despois con axuda dun veciño. Finalmente, a súa filla abriulle a porta e tiña signos físicos evidentes de que fora vítima dunha agresión. A nena presentaba lesións que presuntamente lle causou o procesado na zona vaxinal.
A nai levou á nena, que foi derivada para seguimento en Psiquiatría Infantil. Oito días despois, a Xunta de Galicia asumiu a garda provisional da nena e outorgoulle un permiso de convivencia coa súa avoa materna para "garantirlle unha contorna protectora segura".