O Entroido de Cuntis recupera o desfile con distancia de seguridade, máscara e 3.000 euros en premios
Por Redacción
O Desfile de Entroido regresa a Cuntis o vindeiro domingo 27 de febreiro tras a obrigada suspensión do ano pasado a causa da Covid-19.
Con el retorna tamén o concurso de disfraces e comparsas, con saída desde o lugar de Casas do Monte ás 16.30 horas e remate no pavillón municipal, e coa dotación de 3.000 euros en premios a repartir entre catro categorías diferentes: comparsas, grupos, parellas e individual.
Haberá variacións no percorrido habitual e elimínase o acto de entrega de premios xa que o fallo do xurado comunicarase a través da web municipal. Deste xeito evitarase que ao término do evento se produzan concentracións.
As bases do concurso recollen as normas obrigadas para cumprir co protocolo de seguridade durante o evento entre as que destacan o uso da máscara sanitaria durante todo o percorrido para os participantes e tamén para o público asistente. A distancia de seguridade tamén deberá ser sempre de 1,5 metros, incluso entre os integrantes dunha mesma comparsa.
O xurado terá en conta, cunha puntuación do 1 ao 5, a música e a coreografía, o deseño, a confección das vestimentas, a orixinalidade e a animación e simpatía de cada comparsa (integrada por un mínimo de 20 persoas) e de cada grupo (mínimo 10 persoas), así como para as parellas e individuais. As carrozas non se valorarán independentemente senón como parte da comparsa, grupo, parella ou individual e queda excluida a participación de mascotas. En cada unha destas categorías haberá catro premiados, que recibirán o importe corresponden a través de transferencia bancaria.
O Concello abrirá o día 11 deste mes o prazo de inscripción para participar no Desfile e manterá a opción aberta ata o 25 de febreiro podendo formalizarse tanto a través do Rexistro municipal como da sede electrónica aportando a documentación necesaria. O modelo de inscripción pode solicitarse a través do correo electrónico omix@concellodecuntis.es
Relacionadas:
-
O Entroido de Moraña terá desfile e actividades de animación infantil
Por Redacción |
-
O Entroido chega a Barro cun concurso de disfraces e o III Certame de Murgas
Por Raquel Currás Martínez |
-
O Entroido pontevedrés quenta motores: "Os de Sempre" preparan o seu debut nas Murgas
Por Redacción |
-
O Entroido celebrarase en Bueu con actividades reducidas e sen enterros
Por Redacción |
-
Marín quere que o Enterro da Sardiña sexa festa de interese turístico de Galicia
Por Redacción |