O Entroido chega a Barro cun concurso de disfraces e o III Certame de Murgas
No Concello de Barro xa comezaron os preparativos para festexar o Entroido. As actividades anunciadas ata o momento na programación son un concurso de disfraces e o III Certame de Murgas, cuxa primeira edición comezaron a organizar no 2019.
Por segundo ano consecutivo, o concurso de disfraces realízase en liña, é dicir, a través das redes sociais. Os partipantes terán que enviar fotos dos seus disfraces e a ficha de inscrición ao correo electrónico omix@barro.gal a partir do mércores 16 de febreiro ata o 23 se queren optar a algún dos premios das dúas categorías: individual ou grupo de convivintes.
As imaxes publicaranse nun álbum do perfil de Facebook da Oficina Municipal de Información Xuvenil de Barro (OMIX), coroándose como gañadoras as que obteñan máis reaccións ata o 2 de marzo. As persoas afortunadas, que serán anunciados o día 5, obterán como recompensa vales para o consumo no comercio local e hostalaría do municipio.
Para o domingo 6 de marzo, o cartel presenta o III Certame de Murgas, que terá lugar na Nave da música ás 19:00 con entrada libre ata completar aforo. Por agora descoñécense as premiacións e participantes, que nas edicións anteriores recollían nomes como Murga do Naveiro, El Equipo Ja e Os do Val do Lérez.