Mariscadores de Ponte Sampaio e A Canicouva reciben axudas por unha mortaldade de ameixa de hai un ano
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/d27/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/551c34d53d-sam_7241.jpg)
CC BY-NC-SA PontevedraViva
Hai un ano o banco marisqueiro do interior da ría de Vigo sufriu un episodio de elevada mortaldade de ameixa. A situación afectou á faena dos mariscadores da Confraría Virxe do Carme de Soutomaior, pero entre eles hai varias decenas de veciños das parroquias pontevedresas de Ponte Sampaio e A Canicouva, de modo que acaban de recibir unha axuda do Concello de Pontevedra para resementar e intentar paliar as perdas sufridas polo colectivo.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o patrón maior de Soutomaior, José Luis Rubianes, subscribiron este mércores un convenio polo que o Concello achega 7.000 euros que a Confraría deberá destinar á resementeira do banco marisqueiro. Este ano xa non poderá facerse porque empezou a tempada de chuvias, pero achegaranse durante o primeiro trimestre de 2014.
Lores explicou que a citada mortaldade está vinculada cun día de desaugadoiro do encoro de Eiras, pois o banco marisqueiro estivo moitas horas en contacto cunha cantidade de auga doce do río Verdugo que impide a supervivencia da ameixa. O patrón maior engadiu que ese episodio se produciu hai un ano e que nalgunhas zonas chegou a afectar a preto do 90% do bivalvo.
Segundo José Luis Rubianes, naquel momento non denunciaron a situación porque non tiñan probas da relación directa entre o encoro e a mortaldade, pero "que foi polos lodos, iso seguro" e cre que a responsabilidade é de Augas de Galicia. Pediron explicacións á Xunta de Galicia, pero "cada un escorre o bulto por onde pode", pero o que si recibiron xa son axudas para a rexeneración de institucións como o Concello de Soutomaior e a Deputación de Pontevedra e aspiran a recibir tamén apoios autonómicos.
Datos achegados polo patrón maior sinalan que para recuperar a ameixa danada naquel episodio foi necesario facer xa dúas resementeiras que custaron uns 17.000 euros e aínda necesitan algunha máis. Ata agora, utilizaron, sobre todo ameixas xapónicas de pequeno tamaño, pero a nova acción prevista para 2014 incluirá bivalvo de todos os tamaños.
Na confraría de Soutomaior hai entre 170 e 180 mariscadores, entre os que faenan a pé e os que o fan a flote. Deles, entre 25 e 30 mariscadoras da pé son da Canicouva ou de Ponte Sampaio e no colectivo a flote hai destas dúas parroquias pontevedresas entre 15 e 20 mariscadores.