A auga doce acaba coas ameixas da ría
Por Oskar Viéitez
As mariscadoras da cofradía de Arcade acudiron á Deputación provincial para solicitar ao presidente da institución, Rafael Louzán, axudas para rexenerar os bancos marisqueros tralos danos provocados polo aumento na concentración de auga doce durante o pasado Nadal, o que provocou a morte de toda a ameixa e o berberecho.
A Consellería do Mar pechou esta zona de traballo por catro meses para que os exemplares se rexeneren e, por iso, están a solicitar ás administracións que colaboren nas tarefas de limpeza.
De momento xa conseguiron unha axuda de dez mil euros por parte do Concello de Soutomaior, segundo informou o alcalde, Agustín Reguera, e esperan igual compromiso por parte do Concello de Pontevedra, do de Vilaboa e da Deputación, para poder plantar nova ameixa. Estes traballos desenvolveranse ao longo do mes de marzo e abril e polo momento non manexan ningún orzamento.
"O fondo da ría recibe toda a auga do río Verdugo, do Oitavén e da presa de Eiras, unha conca moi grande que fai que se acumule nos días de choiva moita cantidade de auga doce", explicou Reguera.
A voceira das mariscadoras, Rosa Vilán, mostrou a súa satisfacción á saída do encontro con Rafael Louzán. O presidente quedou en estudar o seu caso en coordinación coa Consellería do Mar e do Medio Rural xa que neste mesmo fenómeno repetiuse noutros pósitos como Os Lombos do Ulla, entre outros tramos de litoral da provincia.
Relacionadas:
-
Entregan 7.500 euros á confraría de Arcade para sembrar o banco marisqueiro de ameixa xapónica
Por Alejandro Espiño |
-
Mariscadores de Ponte Sampaio e A Canicouva reciben axudas por unha mortaldade de ameixa de hai un ano
Por Redacción |
-
O Concello colaborará coas mariscadoras na rexeneración dos bancos marisqueiros de Ponte Sampaio
Por Alejandro Espiño |