![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/af7/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/61bc977641-20211217-patxot-protesta-ence-3081.jpg)
© Mónica Patxot
Convocada para o 18 de febreiro a marcha a Marín para pedir a adscrición de Ence á Autoridade Portuaria
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/4ee/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/61bc977694-20211217-patxot-protesta-ence-3082.jpg)
© Mónica Patxot
Xa se fixo pública a data da manifestación que a sección sindical de Comisións Obreiras, o sector forestal e empresas auxiliares organizan para demandar a adscrición dos terreos que actualmente ocupa a fábrica de Ence en Lourizán ao Porto de Marín, co obxectivo de garantir a continuidade da empresa nas actuais instalacións. A cita será o venres 18 de febreiro.
Segundo o comunicado que se trasladou ao persoal da factoría faise un chamamento a empresas auxiliares e a empresas do sector forestal e loxístico que se poidan ver afectadas ante un posible peche da empresa pasteira, que está pendente dos recursos presentados ante o Tribunal Supremo despois das tres sentenzas da Audiencia Nacional que anularon a prórroga.
A marcha iniciarase ás 11.00 horas do día 18 nas inmediacións do control de acceso á fábrica, tal e como consta no comunicado publicado en Twitter por Empresas Auxiliares de Ence este martes. O persoal que participe trasladarase pola antiga estrada entre Pontevedra e Marín (PO-546), pola marxe dereita da vía pública e cunha distancia de dous metros entre os manifestantes. Unha vez que chegue á rotonda da avenida de Marín, a mobilización desenvolverase polo interior do recinto da Autoridade Portuaria.
Á altura do edificio administrativo das instalacións procederase á lectura dun manifesto esixindo a continuidade de Ence na ría de Pontevedra.
No comunicado demándase a asistencia con roupa de traballo, chalecos amarelos e material acústico para chamar a atención durante a protesta. O sindicato reclama a maior asistencia posible de traballadores "xa que a defensa do traballo aféctanos a tod@s".
Esta acción tamén ten como finalidade agradecer á dirección da Autoridade Portuaria, organismo que preside José Benito Suárez Costa, que solicitase ao Goberno central a adscrición dos terreos co obxectivo de ampliar o espazo para a actividade portuaria.