Marín quere que o Enterro da Sardiña sexa festa de interese turístico de Galicia
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O goberno municipal de Marín vaise a dirixir á Xunta de Galicia para solicitar a declaración do Enterro da Sardiña, o evento máis emblemático do seu entroido, como festa de interese turístico de Galicia.
Marín iniciará estes trámites a raíz da solicitude do Ateneo Santa Cecilia, a entidade cultural que se encarga da organización desta festa.
A Lei de Turismo de Galicia é que se encarga de dar luz verde a estas declaracións, en función de, entre outros, a antigüidade, a singularidade e o arraigo que a festa ten na veciñanza do lugar, así como todas as actividades promocionais que se organizan en torno a ela.
De xeito concreto, a festa ten que ter máis de 20 anos, celebrándose periodicamente e en datas facilmente determinables.
Ademais, debe conter aspectos orixinais e de calidade que as singularicen respecto a outras similares que poidan ter lugar noutras localidades e contar cun carácter participativo da poboación local.
Para o Concello de Marín, o Enterro da Sardiña reúne toda as condición establecidas no decreto autonómico para a súa declaración como festa de interese turístico de Galicia e agarda unha resposta positiva do executivo autonómico.