A Universidade de Vigo elixirá o 4 maio ao seu próximo reitor ou reitora
Por Redacción
A comunidade universitaria elixirá a quen será o seu próximo reitor ou reitora o vindeiro día 4 de maio de 2022, a mesma data na que se celebrarán as eleccións a representantes no Claustro Universitario.
Os membros do Consello de Goberno da Universidade de Vigo aprobaron, na sesión ordinaria celebrada este martes, o calendario das eleccións a representantes no Claustro, o mesmo do proceso de eleccións á reitoría, cuxa convocatoria confirmou Manuel Reigosa neste mesmo punto da sesión do Consello.
O calendario para ambas as dúas citas electorais aprobado este martes, arrancará o 18 de febreiro coa publicación dos censos provisionais e finalizará o 11 de maio coa proclamación definitiva de resultados.
A sesión ordinaria celebrada este martes comezou co informe do reitor, que Manuel Reigosa aproveitou para trasladar a súa preocupación, así como as accións que o equipo de goberno está a desenvolver para minimizar o impacto da reforma laboral nos contratos de investigación.
"A reforma laboral intenta que haxa emprego de máis calidade, pero ás universidades suponnos un problema porque tiramos de contratos de obra e servizo que se eliminan", insistiu o reitor, que demandou unha excepción na Ley de la Ciencia para a contratación de persoal investigador.
"Estamos buscando solución que permitan seguir traballando, pero a día de hoxe, só podemos facer contratos ata o 30 de marzo por un máximo de seis meses", explicou o reitor, que avanzou que esta semana terá lugar unha reunión cos investigadores principais dos proxectos para comunicarlles como está a situación e o que desde o equipo de goberno está a facer.
Así comezaba unha sesión, na que, por outra banda, os membros do órgano de goberno da Universidade de Vigo aproban, entre outras cuestións, que o máximo de horas de docencia o vindeiro curso quede establecido en 270, fronte as 280 do actual; así como engadir un artigo máis ao Regulamento de persoal investigador visitante para que este poida impartir docencia.
Relacionadas:
-
Eva Lantarón, decana de Fisioterapia, proposta como nova vicerreitora en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
A Cidade da Cultura promove coa UVigo unha residencia artística para o deseño dun videoxogo
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
O campus de Pontevedra abre inscricións para sete cursos abertos a toda a cidadanía
Por Redacción |
-
Ciberacoso, 'sextorsión', insultos ou hackeos: así actúan os 'machitroles' nas redes
Por Redacción |