O campus de Pontevedra abre inscricións para sete cursos abertos a toda a cidadanía
Por Redacción
A Universidade de Vigo abría este luns o período de inscrición para novos cursos que neste segundo cuadrimestre se suman á oferta de obradoiros de extensión universitaria da Vicerreitoría do campus.
O Diario da Universidade de Vigo (DUVI) explica que estes cursos, cunha duración de entre 20 e 30 horas, están dirixidos tanto á comunidade universitaria como ao conxunto da cidadanía.
O deseño de propostas didácticas innovadoras a través da robótica, o uso de drons para a realización de proxectos audiovisuais, o deseño de proxectos artísticos, a realización de pezas cerámicas e unha introdución á metodoloxía do design thinking son as propostas dos talleres, aos que hai que engadir as novas edicións dos obradoiros de creación de webs con WordPress e escalada en rocha.
Cun prezo de matrícula de 40 euros, cun 35% de desconto para as persoas integrantes da comunidade universitaria, a inscrición nestes obradoiros poderá realizarse ata o vindeiro xoves 10 de febreiro a través da plataforma Campus Activo. Cunha oferta conxunta de máis de 80 prazas, trátase dunha serie de obradoiros "cunha característica común, que é a súa especificidade", sinalaba o vicerreitor Jorge Soto en declaracións ao DUVI. "Isto convérteos nunha moi boa oportunidade para seguir aprendendo en diferentes ramas do saber", apuntaba.
DÚAS PROPOSTAS CON MODALIDADE MIXTA
Unha das novidades neste cuadrimestre é STEAM: Robótica creativa aplicada á educación, un taller dirixido a introducir ás persoas participantes no deseño e aplicación de propostas didácticas innovadoras, enmarcadas nun enfoque STEAM (disciplinas Science, Technology, Engineering, Art e Mathematics, é dicir, ciencia, tecnoloxía, enxeñería, arte e matemáticas). O taller arrancará o 25 de febreiro na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e combinará as clases presenciais e virtuais.
Tamén cunha metodoloxía mixta, o 7 de marzo dará comezo en Ciencias Sociais e da Comunicación Creative thinking. Hackea a túa mente, no que se afondará na metodoloxía do Design Thinking, centrada na xeración de ideas innovadoras que busquen dar solución a necesidades reais.
CINCO CURSOS PRESENCIAIS
Entre o 7 e o 15 de marzo, a sede da Vicerreitoría acollerá outra das novidades desta programación, Drons no audiovisual: pilotaxe, planificación e gravación de proxectos audiovisuais con drons, onde se darán a coñecer as posibilidades que poden achegar estas aeronaves á realización de proxectos audiovisuais de diversa índole.
Entre o 10 e o 25 de marzo, Belas Artes acollerá o obradoiro Proxectos artísticos: elaboración, deseño e proceso, no que, a través dunha serie de casos concretos, estudaranse as diferentes fases de preparación, deseño e desenvolvemento dun proxecto, dossier ou currículo artístico.
Tamén nesta facultade, o 16 de marzo dará comezo un Obradoiro de iniciación á cerámica, dirixido pola profesora Chelo Matesanz, que o impartirá xunto á ceramista e egresada Teresa Pece.
Esta oferta formativa complétase coas novas edicións de dous obradoiros que xa forman parte da programación de extensión universitaria do campus. Por unha banda, o 31 de marzo dará comezo a cuarta edición de Creación, xestión e posicionamento de páxinas web desenvoltas con WordPress, un obradoiro no que o profesor de Ciencias Sociais e da Comunicación Xabier Martínez Rolán e o consultor Wajari Velásquez amosarán ao alumnado como crear e xestionar un espazo web con este xestor de contidos de código aberto, á vez que lles achegarán nocións de deseño web e márketing dixital.
Por outra banda, a serra do Galiñeiro será o escenario, a partires do 22 abril, do segundo Obradoiro de escalada en rocha, que dá continuidade aos talleres de iniciación que os profesores de Ciencias da Educación e do Deporte Águeda Gutiérrez e Diego Alonso promoven cada ano no rocódromo desta facultade.
Relacionadas:
-
A Universidade de Vigo elixirá o 4 maio ao seu próximo reitor ou reitora
Por Redacción |
-
A Cidade da Cultura promove coa UVigo unha residencia artística para o deseño dun videoxogo
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
O Campus abre á cidadanía obradoiros de videoxogos, ilustración, fotografía, redes sociais e vídeo 360º
Por Redacción |
-
Abrir o campus a toda a cidadanía, obxectivo conxunto do Concello e da Universidade
Por Mónica Patxot & María José Pita |