Salcedo prepárase para a segunda edición da súa Festa Gastronómica de Pinchos e Tapas
Por Redacción
Tras os bos resultados da primeira edición, a Sociedade Cultural Deportiva Salcedo decidiu organizar a segunda edición da súa Festa Gastronómica de Pinchos e Tapas. Esta vez serán dous días, os próximos 16 e 17 de novembro. O que si se repite é o escenario, o pavillón de Cabanas (Salcedo) e, como non pode ser doutro xeito, a intención de que os asistentes gocen a calquera hora dun bo petisco ou unha boa tapa.
Entre a oferta gastronómica desta festa inclúese polbo á feira, navallas, lombo de boi á pedra, chourizo ao viño, tortilla, xamón asado, zorza, callos ou empanada. Todo iso a prezos populares e realizadas con produtos galegos, o que segundo os seus organizadores garanten a calidade dos pratos servidos.
Ademais das degustacións gastronómicas, esta II Festa Gastronómica de Pinchos e Tapas estará amenizada pola música da orquestra Novo Talismán, pola charanga DXT e por Fatiga Fusión, un grupo que interpreta pezas de bolero e jazz.
Todos os beneficios da festa, que este ano estará adaptada para persoas con mobilidade reducida, serán destinados á Sociedade Cultural Deportiva Salcedo, para seguir traballando na súa loita diaria por formar aos nenos e nenas que forman os 10 equipos cos que conta na actualidade.