Esta fin de semana, as tapas tómanse en Salcedo
Por Redacción
Os pinchos e tapas deste fin de semana sérvense en Salcedo. A Sociedade Cultural Deportiva desta parroquia organiza a segunda edición da súa Festa Gastronómica de Pinchos e Tapas no pabellón de Cabanas. Será o sábado 16 e o domingo 17 e o menú dispoñible inclúe pulpo á feira, navallas,orella, lombo de boi á pedra, chourizo ao viño, tortilla, xamón asado, zorza, callos ou empanada.
Os organizadores optaron por basear todos os seus pratos en produtos galegos que garantan a súa calidade e ofrecer toda a oferta gastronómica a prezos populares. De todos os produtos da carta poderán pedirse pinchos ou tapas e o custo oscila entre o euro dun pincho de tortilla aos seis euros dunha tapa de navallas. No medio, haberá pinchos de callos, zorza, empanada ou xamón asado por 1,20 ou unha tarta de Salcedo de sobremesa por 2,50 euros. O sábado serviranse a partir das 11.00 horas pola mañá e das 20.00 pola tarde e o domingo abrirá ás 11.00 horas.
Esta II Festa Gastronómica de Pinchos e Tapas ten unha programación complementaria que comezará este sábado ás 10.00 horas cunha ruta de senderismo e incluirá unha exhibición de gimnasia ás 11.30, animación da charanga DGT, e sesión vermut e verbena nocturna coa orquestra Nuevo Talismán. Ás 13.00 horas o ex presidente do Comité Olímpico Español Jesús Hermida Cebreiro lerá o pregón, pola tarde a SCD Salcedo disputará un partido amistoso co equipo de fútbol Xoán XXIII e a partir das doce da madrugada o grupo Fausto ofrecerá un concerto.
O domingo, a partir das 10.00 horas, celebraranse no pabellón de Cabanas unhas paraolimpiadas rurais en colaboración coas asociacións Amizade e Amencer-Aspace e a programación do día incluirá un roteiro de vespas e motos clásicas, un concerto de Sotto Vocce Fusion, unha gymkana infantil e un torneo de billarda. Toda a programación pode consultarse neste enlace e os asistentes poderán obter un pincho de balde con esta invitación.
Todos os beneficios da festa, que este ano estará adaptada para persoas con mobilidade reducida, serán destinados á Sociedade Cultural Deportiva Salcedo, para seguir traballando na súa loita diaria por formar aos nenos dos 10 equipos cos que conta na actualidade.