Condenado a máis de nove anos de cárcere un veciño de Poio por maltratar e violar de forma continuada á súa esposa
Por Oskar Viéitez
A Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra resolveu este martes mediante un acuerdode conformidade un xuízo contra un veciño de Poio acusado de maltratar e violar de forma continuada á súa esposa.
Este home admitiu os feitos e aceptou unha condena de nove anos e tres meses de prisión como autor de dous delitos, un de violencia habitual psíquica e física (polo que lle impoñen un ano e 9 meses de prisión) e outro delito de agresión sexual continuada contra a súa muller (7 anos e medio de cárcere).
Segundo informa o xornalista Carlos García en páxinas do Faro de Vigo, o fiscal xefe da provincia, Juan Carlos Aladro, modificou o escrito de acusación que presentaba inicialmente incluíndo as atenuantes simples de dependencia do alcol e confesión tardía. Mantivo as agravantes de parentesco e por razóns de xénero.
O acusado tamén aceptou unha pena de sete anos e medio de liberdade vixiada a partir do cumprimento da pena de prisión e deberá respectar unha orde de afastamento e comunicación coa vítima por espazo de nove anos. Como responsabilidade civil deberá indemnizar á súa esposa con cinco mil euros polo dano moral causado.
A Audiencia emitirá unha sentenza respectando os termos deste acordo e contra ela non poderá interpoñerse recurso.
Segundo relata o escrito de acusación do Ministerio Público, o acusado e a vítima estiveron casados uns 28 anos. Durante toda a convivencia matrimonial, pero sobre todo transcorridos o primeiros oito anos de matrimonio, era usual que o procesado, "con ánimo de humillar e menoscabar a integridade moral da súa muller", menosprezásea e tamén era frecuente que, no domicilio común e en presenza das fillas de ambos os menores de idade, "co propósito de menoscabar a súa integridade física, a agredíra, propinándolle labazadas, empuxóns, e agarróns de pelo e nos brazos".
O escrito de acusación da Fiscalía tamén recolle que o procesado exerceu igualmente violencia de tipo sexual sobre a súa esposa durante o seu matrimonio, sendo esta práctica habitual nos últimos anos, a pesar da negativa da muller para manter relacións sexuais con el.
Este home foi denunciado en novembro de 2019, momento no que se ditou unha orde de afastamento fronte á súa muller.
Relacionadas:
-
Xulgan a un individuo por abusar sexualmente da súa sobriña
Por Oskar Viéitez |
-
O TSXG confirma a condena da Audiencia de Pontevedra a un home que tentou asasinar á súa muller
Por Redacción |
-
A Fiscalía pide cinco anos de condena para un home acusado de abusar dunha muller mentres estaba durmida
Por Oskar Viéitez |
-
A xuízo un vilagarcián acusado de violar á filla discapacitada da súa empregada doméstica
Por Oskar Viéitez |
-
A xuízo un veciño de Poio por maltratar e violar reiteradamente á súa muller
Por Oskar Viéitez |