A recollida de envases lixeiros bate récord en Sanxenxo con 411 toneladas
Por Redacción
Algo máis de 411 toneladas de envases lixeiros depositados nos contedores amarelos é a cifra récord de reciclaxe que se rexistrou en Sanxenxo durante o ano 2021.
Trátase, segundo destacou o goberno municipal, da maior cifra do últimos quince anos, a pesar do efecto que tivo a pandemia da covid-19.
Só nos meses de verán, xullo, agosto e setembro, recolléronse 167,2 toneladas.
O vidro é o segundo residuo que mellor comportamento presenta nas estatísticas municipais con 623 toneladas recollidas durante o pasado ano. Case a metade deste residuo, 299,5 toneladas, recolléronse durante os tres meses estivais.
En canto á fracción resto, segue sendo a que presenta unha maior cantidade de residuos con 10.398 toneladas, 759 máis que as recollidas en 2020. Tamén nos meses de verán coincidindo co incremento de poboación contabilízanse as cifras máis altas.
Respecto ao cartón, os datos mantéñense cun lixeiro descenso respecto ao ano pasado, pero supón a segunda mellor cifra con 573,80 toneladas.
Sanxenxo conta cun total de 1.643 contedores repartidos en 645 illas de recollida.
Segundo o tipo de residuos hai contedores de fracción/resto (899), envases lixeiros (342), papel ou cartón (167) e vidro (232).
Ademais, o municipio conta cun punto limpo en Padriñán que durante o pasado ano recolleu 178,50 toneladas de voluminosos e cun punto limpo móbil para a recollida selectiva de residuos de pequeno tamaño sen recollida convencional como pequenos electrodomésticos, pilas, tóners, baterías de teléfono, envases e residuos sólidos urbanos.
Previa cita tamén hai un servizo de recollida de voluminosos, de luns a venres e de 9 a 14 horas, no teléfono 638 240 885.