Denuncian ante a Garda Civil un episodio violento dun paciente contra o persoal de noite do centro de saúde de Baltar
Por Natalia Puga
Responsables da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés denunciaron este mércores ante as autoridades unha agresión sufrida durante a pasada noite polo persoal sanitario do Punto de Atención Continuada do centro de saúde de Baltar-Sanxenxo.
Segundo puido confirmar este xornal, o incidente tivo a súa orixe nun desencontro pola atención a un paciente e hai implicadas dúas persoas. Houbo unha agresión na que resultou danado un cristal do centro e a un médico do centro chegaron a cuspirlle.
Fontes oficiais da Garda Civil de Pontevedra confirmaron que recibiron unha denuncia da persoa supostamente agredida, que agora se vai investigar.
Os responsables da área sanitaria expresaron a súa condena e rexeitamento polo sucedido, un episodio de violencia que aseguran que incluíu agresións verbais e físicas.
Ademais, desde a xerencia da área sanitaria confirman que tamén provocou danos no mobiliario do PAC.
Ata o PAC achegáronse axentes da Garda Civil e da Policía Local e, á súa chegada, o suposto agresor xa non estaba, pero si as persoas afectadas. Do caso fíxose cargo a Garda Civil, que se entrevistou cos afectados e recibiu a última hora da mañá deste mércores a denuncia formal.