Sanidade comprométese a un reforzo de persoal no centro de saúde de Baltar
Por Redacción
A Consellería de Sanidade comprométese a "seguir traballando" para poder dotar de máis persoal ao centro de saúde de Baltar, en Sanxenxo.
Así o deu a coñecer este luns o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, durante unha visita ao centro de saúde xunto ao alcalde do municipio, Telmo Martín, por mor das obras de mellora realizadas nesta infraestrutura sanitaria.
Estiveron acompañados polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López Diéguez, delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, e polo xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e o Salnés, José Ramón Gómez Fernández.
Comesaña lembrou que, a través do Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021, incorporáronse orzamentariamente catro novas prazas para este centro de saúde, pero insistiu en que "hai que seguir traballando para poder dotar de máis persoal", e lembrou que Galicia leva tempo reclamando ao Ministerio de Sanidade que tome medidas para paliar a falta de profesionais, xa que "formar máis especialistas non depende da Xunta, que leva cubrindo o 100% das prazas de formación de medicina de familia e pediatría que lle autoriza o Ministerio".
No vindeiro mes de marzo vaise aprobar o decreto de Oferta Pública de Emprego de 106 prazas para a nova categoría creada pola Xunta de facultativo especialista de atención primaria: prazas de medicina de familia que levan aparelladas tamén gardas nos Puntos de Atención Continuada.
O conselleiro sinalou que o Sergas vai falar cos sindicatos en próxima convocatoria de mesa sectorial para que unha destas 106 prazas sexa para o centro de saúde de Baltar. Este novo facultativo, dotará de maior estabilidade á atención no centro de saúde e aumentará a cobertura de gardas no PAC.
Despois da visita, o alcalde lembrou que xa o ano pasado lle pedira ao conselleiro este reforzo de persoal porque "ás veces coas vacacións non se nota e el sabe que no verán Sanxenxo multiplica por seis a súa poboación". Telmo Martín sinalou que é unha necesidade que tamén lle trasladaron os profesionais do centro nunha reunión que hai catro meses.
"Somos conscientes dos problemas que está habendo para a dotación de persoal, pero Baltar é un centro de referencia", sinalou o alcalde.
Telmo Martín tamén trasladou ao conselleiro que é "moi necesaria" a ampliación do centro de saúde 150 metros cadrados máis na planta de arriba. "Urbanísticamente é viable e agora os técnicos teñen que ver se é viable. A última palabra tena o conselleiro", sinalou.
Dende finais do ano pasado, leváronse a cabo tres actuacións de mellora no centro de saúde de Baltar, cun investimento de preto de 70.000 euros. Trátase do pintado e a mellora de espazos en áreas como radioloxía, fisioterapia, a zona de persoal administrativo e a renovación do pavimento do Punto de atención continuada (PAC).
Ademais, renovouse todo o tellado do pavillón oeste e, finalmente, actuouse nos sumidoiros para evitar que se produzan inundacións. A isto hai que engadir que, a curto prazo, o Sergas vai avaliar o xeito máis sinxelo e rápido de acometer reformas estruturais que melloren as necesidades de espazo do centro.
Relacionadas:
-
Vivendas gratis en Sanxenxo, cebo de atracción a facultativos para traballar nos centros de saúde locais en verán
Por Redacción |
-
Trece centros de saúde da área reforzaranse con 21 das 106 prazas de médico de Atención Primaria que convoca a Xunta
Por Redacción |
-
Denuncian un episodio violento dun paciente contra o persoal do centro de saúde de Baltar
Por Natalia Puga |
-
Os centros de saúde de Dena e Mosteiro recuperan o luns a atención pediátrica
Por Redacción |
-
"O Sergas quérenos así", de xeonllos e traballando 48 horas seguidas
Por María José Pita |