Cuntis creará unha Aula Mentor para impartir formación telemática
Por Redacción
A través dunha subvención de 4.000 euros, concedida polo Ministerio de Educación, o Concello de Cuntis creará unha Aula Mentor destinada a impartir formación telemática.
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, defende a utilidade que terá este centro, xa que "é unha oportunidade para moitas persoas que doutro xeito non poderían asistir á formación presencial".
A Aula Mentor ofrecerá un programa de formación online non regrada, flexible e con titorización personalizada, destinada a maiores de 18 anos.
A través do seu extenso catálogo de cursos clasificados en áreas formativas, entre elas educación, idiomas, dixitalización ou emprendemento, ofrece a oportunidade de ampliar as competencias persoais e profesionais.
Os obxectivos da Aula Mentor céntranse en proporcionar unha alternativa en materia de formación á poboación adulta, cuxo ritmo de aprendizaxe ou dedicación require un sistema totalmente flexible non suxeito nin a horarios nin a prazos.
Os cursos realizaranse de forma online, tendo un tempo de duración flexible. Actualmente o prezo dos cursos é de 24 euros mensuais, sendo a matrícula inicial de dous meses.
Ao finalizar o curso realizarase un exame presencial que, unha vez superado, permite a obtención dun certificado de aproveitamento emitido polo Ministerio de Educación.
A Aula Mentor de Cuntis estará aberta 20 horas á semana, en horario de mañá e tarde. Haberá unha persoa coordinadora da mesma que dará apoio ao alumnado matriculado nos cursos.
Relacionadas:
-
A Aula Mentor de Cuntis comeza a actividade proximamente
Por Redacción |
-
Abren o prazo para inscribirse aos cursos da Aula CeMIT de Cuntis
Por Redacción |
-
Novos programas de emprego da Xunta para a Mancomunidade do Salnés e os concellos do Ulla-Umia
Por Redacción |
-
O programa de formación para adultos de Cuntis consolídase como unha referencia en toda a comarca
Por Redacción |