Fitur encherase de "historias de amor" polas Rías Baixas
A de Rías Baixas vai ser a campaña "máis emocional, diferente e rompedora" de todas as que levou á feira Fitur. Así de convencida mostrouse Carmela Silva sobre o potencial dunha acción promocional que terá o amor por Pontevedra como fío condutor.
A partir dunha icona turística recoñecida en todo o mundo, o corazón que acompaña a numerosas cidades co lema "I love", Rías Baixas aposta por un enfoque "apaixoante e emocional", segundo destacou a presidenta da Deputación na súa presentación.
Rías Baixas, unha historia de amor coa provincia de Pontevedra, slogan que a campaña recolle en galego, castelán e inglés, será o lema dunha promoción "vangardista, dinámica, emocionante e diferente", engadiu Silva.
A modo de aperitivo do que se estreará en Fitur, desvelouse que a campaña estará protagonizada por protagonistas e historias reais, o relato de persoas estranxeiras que chegaron ás Rías Baixas e que, tras namorarse delas, decidiron quedar a vivir.
"Cantas veces visitamos un lugar e quixemos quedar nel? Iso é o que conta esta campaña", detallou a presidenta provincial sobre un audiovisual que volveu a elaborar a produtora Esmerarte, autora dos dous vídeos premiados como o mellor audiovisual turístico do mundo.
Nesta nova peza, Rías Baixas mostrará un destino no que a paisaxe, o patrimonio, a cultura, a enogastronomía ou o noso modo de vida "namoran a quen nos visita", subliñou Carmela Silva, que describiu este destino como un "paraíso sen peros".
Silva reiterou que "imos a Fitur a tope e con paixón" para defender a fortaleza do destino Rías Baixas e defender a un sector turístico que xa supón o 12% do PIB da provincia.
A presentación de Rías Baixas en Fitur será o xoves día 20, ás catro de tarde. Será na caseta que Turespaña terá nesta feira, onde haberá un acto conducido pola actriz Jazmín Abuín e que terá como madriña á ministra de Turismo, Reyes Maroto.
O evento será retransmitido en streaming pola propia organización de Turespaña, que tamén difundirá esta campaña nas máis de trinta oficinas que ten repartidas en todo o mundo, o que segundo Carmela Silva, supoñerá un "salto cualitativo moi importante".
Esta nova campaña, ademais de promocionarse en medios de comunicación e redes sociais, difundirase dunha maneira moi novidosa. Todas as persoas que estean en Fitur recibirán automaticamente nos seus dispositivos móbiles as creatividades desta iniciativa.
"Non creo que haxa outro destino cunha axenda tan relevante como levamos este ano á feira", asegurou a presidenta da Deputación, xa que entre outros eventos, asinarase a adhesión da recentemente creada Film Commission de Pontevedra Provincia á rede estatal.
Ademais, Rías Baixas asinará un convenio con Renfe para promocionarse como destino nas estacións e liñas de tren que conectan con Galicia e recibirán a Q de Calidade, por primeira vez, o castelo de Soutomaior ou a oficina de turismo de Cuntis.
Silva tamén recollerá en Madrid o premio á provincia de Pontevedra como o mellor destino de calidade de toda España, dentro da duodécima edición dos Premios Nacionais SICTED e haberá numerosos contactos profesionais con representantes do sector turístico.
Relacionadas:
-
Un Plan de Enogastronomía para converter á provincia nun territorio de excelencia
Por Redacción |
-
A oficina de turismo de Cuntis obtén por primeira vez a Q de Calidade
Por Redacción |
-
O mellor destino de calidade turística de toda España é a provincia de Pontevedra
Por Redacción |
-
Pontevedra, primeira provincia galega que entra na Spain Film Commission
Por Oskar Viéitez |
-
Poio participará en Fitur formando parte do stand da Red de Pueblos Mágicos de España
Por Oskar Viéitez |
-
'Non todo vai ser sufrir!': Así é o vídeo que Pontevedra leva a Fitur
Por Alejandro Espiño |
-
A Xunta e o Clúster Turismo de Galicia esperan un 2022 "absolutamente espectacular"
Por Oskar Viéitez |
-
A provincia de Pontevedra, primeiro premio en Fitur ao mellor destino SICTED de toda España
Por Redacción |
-
A Ruta do Viño Rías Baixas recibirá en Fitur o premio á mellor de España
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación non estará no stand de Galicia en Fitur despois dun novo "encontronazo" coa Xunta
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra viaxará a Fitur como potencia gastronómica
Por Manu Otero |