A campaña solidaria "Abre o teu Corazón e Comparte" reúne máis de 200 kilos de alimentos en Poio
Por Redacción
A veciñanza de Poio volve amosar un ano máis o seu compromiso e solidariedade á hora de colaborar coas familias máis necesitadas do municipio. Quedou demostrado cos máis de 200 quilos de alimentos que se reuniron a través da campaña ‘Abre o teu corazón e comparte’, impulsada pola parroquia de Combarro e a Asociación Cultural Virxe da Renda, na que tamén colabora o Concello de Poio e que está coordinada por Miguel Martínez.
A iniciativa, que se puxo en marcha a mediados do pasado mes de decembro, buscaba reunir o maior número posible de alimentos e produtos de primeira necesidade. Agora é o departamento de Servizos Sociais o encargado de realizar o reparto destas adquisicións entre familias da vila que se atopan en situación de risco de exclusión. A concelleira responsable desta área, Rosa Fernández, quixo expresar o seu agradecemento tanto a todas as veciñas e veciños que participaron nas doazóns como á parroquia de Combarro e a Virxe da Renda “por realizar este esforzo para axudar a persoas necesitadas”.
Deste xeito, ao longo das últimas semanas fóronse recibindo todo tipo de alimentos, tales como pasta, latas de conserva, pan de molde, cacao, azucre ou leite. Tamén se doaron produtos de hixiene e de limpeza. A meirande parte das entregas realizáronse no templo de San Bernardo nos días nos que se celebraban actos relixiosos. Con todo, tamén se puxo a disposición da cidadanía un servizo de recollida a domicilio, pensado para todas aquelas persoas que estivesen dispostas a colaborar e carecesen de transporte.
Tanto os colectivos organizadores como o Concello son conscientes da necesidade de continuar apostando por este tipo de iniciativas solidarias, xa que “moitas economías familiares continúan a verse afectadas polas consecuencias da crise provocada pola covid-19”.