Máis de mil usuarios acudiron ao Punto Limpo Móbil de Poio o pasado ano
Por Redacción
O Concello de Poio fai balance da actividade do Punto Limpo Móbil, dous anos despois da súa posta en marcha.
Ao longo de 2021 o dispositivo mantivo unha liña ascendente no que a tratamento de residuos se refire, tal e como consta no informe elaborado pola empresa responsable da xestión do lixo, Valoriza.
Este documento revela que durante o pasado exercicio fixeron uso desta prestación un total de 1.034 persoas, o que se traduce nun incremento de preto do 20% con respecto a 2020, ano que rexistrou un total de 837 usuarios.
Segundo indica o goberno local, a utilización do Punto Limpo Móbil mantivo unha regularidade ao longo dos doce meses do ano, se ben se detectou un importante incremento durante os meses de abril e maio, con 102 e 115 utilizacións, respectivamente. Tamén destaca o mes de agosto con 100 entregas. Pola contra, decembro foi o mes onde se rexistrou unha menor actividade, con 60 actuacións. Os datos amosan unha media mensual dunhas 86 achegas.
O emprazamento da parroquia de San Salvador, situado no parque de Costa Xiráldez en Lourido, foi o que rexistrou unha maior actividade entre xaneiro e decembro de 2021, ao atender a un total de 272 persoas.
PERCORRIDO DO PUNTO LIMPO MÓBIL
O Concello de Poio lembra que este servizo é de carácter itinerante e cada semana se traslada a unha parroquia do municipio.
Os emprazamentos son o parque de Costa Xiráldez de San Salvador (1º martes, mércores e xoves de cada mes), o aparcadoiro da Reiboa en San Xoán (2º martes, mércores e xoves de cada mes), o aparcadoiro de Chancelas en Combarro (3º martes, mércores e xoves de cada mes), a Praza Alfredo Romay de Samieira (4º martes e mércores de cada mes) e a rúa Leopoldo Nóvoa en Raxó (4º xoves e venres de cada mes).
O horario de atención ao público do Punto Limpo Móbil é de 9.00 a 14.00 horas, agás no caso dos días no que se sitúa en Chancelas. Alí, para non coincidir coas horas de entrada e saíde dos escolares, está operativo entre as 9.30 e as 13.30 horas.
Na páxina web do Concello de Poio pódese consultar o calendario do servizo.
O Concello recorda que este servizo é de carácter gratuíto e que pode ser utilizado por toda a veciñanza de Poio. O Punto Limpo Móbil habilitouse para ofrecer á cidadanía unha fórmula axeitada para o tratamento de restos específicos, como poden ser electrodomésticos, mobles, restos téxtiles, madeiras, chatarra, plásticos e os residuos de aparatos eléctricos e electrónicos.
Relacionadas:
-
O Xoves santo sen recollida de lixo será compensado cun reforzo do servizo durante o venres
Por Redacción |
-
Poio pagará menos a Sogama
Por Redacción |
-
Fomentar a reciclaxe durante o Nadal é o obxectivo dunha campaña do Concello de Poio
Por Redacción |
-
Máis de 700 veciños de Poio solicitaron a recollida de voluminosos durante o primeiro semestre do ano
Por Redacción |
-
Poio pecha o primeiro semestre con máis de 500 usuarios do Punto Limpo Móbil
Por Redacción |
-
O Punto Limpo Móbil de Poio superou os 800 usuarios
Por Redacción |