Atentos en Cuntis para optar a fondos europeos que financien a mellora do leito do río Gallo
Por Redacción
O Concello de Cuntis traballa para presentarse á convocatoria de subvencións da Fundación Biodiversidade F.S.P. para fomentar actuacións que se destinen a restaurar ecosistemas fluviais e reducir o risco de inundacións nos espazos urbanos. As propostas deben basearse na natureza e trátase de axudas que se financian pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation.
Segundo as bases, os traballos deben contribuír a mellorar o estado ecolóxico do sistema fluvial. Nesta liña traballan no Concello, segundo expón o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, que pretende presentar o proxecto para mellorar o leito do río Gallo. A idea é optar á máxima puntuación porque iso supoñería unha cantidade próxima aos catro millóns de euros para financiar o proxecto.
Desde o municipio indican que esta iniciativa cobre algúns dos obxectivos que acolle o plan de riscos de inundación do Gallo, ademais de incluír a algún dos afluentes.
Manuel Campos afirma que estas convocatorias de fondos ofrecen unha "oportunidade única" para o Concello. Recoñece que terán que competir con outros moitos municipios para lograr estas axudas europeas dentro do territorio español, pero ten confianza en aproveitar esta oportunidade.