Oferta de propostas gastronómicas e creativas no Ganapán do mercado antes de regresar ao cole
Por Redacción
O programa municipal O Ganapán do mercado de abastos ofrecerá durante os vindeiros días un amplo abano de divertidas propostas gastronómicas e creativas especialmente pensadas para nenos e nenas de 4 a 10 anos antes de que teñan que regresar ao colexio o vindeiro luns 10 de xaneiro.
O sábado 8 de xaneiro poderán gozar dun taller de elaboración de crepes de cabaza. A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, destaca que se trata dunha receita "moi orixinal, saborosa e saudable, perfecta para un dos propósitos que moitos e moitas temos neste inicio de ano: comer un pouquiño máis san despois das enchentes do Nadal".
Esa mesma xornada haberá a actividade 'Voa, voa, paxariño', na que os cativos terán a oportunidade de crear un paxariño móbil cun par de palliñas.
O domingo 9 de xaneiro hai previsto outro obradoiro de cociña, no que a rapazada poderá preparar unha torta de galletas María, ideal para unha celebración e cun sabor incrible; e un de creación de pingüíns lanza bólas, un xogo caseiro co que os nenos poderán facer tiro ao branco ou batalla de pelotas.
Os talleres desenvolveranse en dúas sesións, ás 11:00 e ás 12:30 horas, e será necesaria inscrición previa a través do email oganapan@gmail.com (o prazo pecharase ás 16:00 horas do día anterior ao da celebración das actividades).