Buscan un condutor que fuxiu tras atropelar un viandante en Vilagarcía
Por Redacción
Axentes da Policía Local de Vilagarcía de Arousa traballan na localización da persoa que conducía un vehículo ao redor das 01.57 horas deste venres nas inmediacións do paso de peóns que une o parque Miguel Hernández coa zona de lecer da Tir do Porto en Vilagarcía.
A esa hora, o vehículo atropelaba a unha persoa que camiñaba pola contorna. O condutor fuxiu do lugar do accidente, deixando abandonado, con feridas de gravidade, a un home de 51 anos. Foi necesario que unha ambulancia trasladara a vítima para recibir atención hospitalaria.
A Policía Local afirma que conta con testemuñas deste suceso e, na investigación aberta, está a revisar as gravacións das cámaras de seguridade da Autoridade Portuaria.
Tamén, durante a tarde deste xoves 23, ao redor das 20.20 horas producíase outro atropelo en Vilagarcía, á altura do número 52 da rúa Rodrigo de Mendoza, fronte ao cruzamento para As Bocas. Un coche da marca Peugeot 206, conducido por J.F.M, atropelaba a unha moza de 30 anos, que resultaba ferida leve.