Augal despide a súa décimo primeira edición premiando ‘O que queda de nós’
Por Redacción
Máis de 25 galardóns e seleccións para festivais acumula nos últimos meses O que queda de nós, unha curtametraxe dirixida polo estudante Miguel Gómez Abad e realizada por un grupo de alumnos de Comunicación Audiovisual como traballo para unha materia deste grao que se imparte na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus de Pontevedra.
A estes recoñecementos súmase agora o premio outorgado na tarde deste mércores no acto de clausura da décimo primeira edición da Máster Class do Audiovisual Galego, Augal. Promovida pola Facultade xunto coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia, preto de 80 estudantes asistiron ás diferentes sesións desta máster class, dirixida a achegar o alumnado aos procesos de traballo no sector audiovisual.
Unha conferencia da responsable de Abano Producións, Chelo Loureiro, centrada no seu novo filme de animación Valentina, unha historia de integración nomeada aos premios Goya abriu a última sesión desta edición de Augal, que se completou coa entrega de diplomas aos matriculados e matriculadas.
Luis López, delegado territorial da Xunta de Pontevedra; Paulino Pérez, vicedecano e coordinador de Augal xunto co profesor Miguel Anxo Fernández, Daniel Antelo, en representación da Asociación Galega de Profeisonais da Dirección e Realización (Crea), e Loureiro, vogal da asociación de mulleres cineastas Cima, participaron nesta clausura, que incorporaba como novidade á entrega dun premio á mellor curta realizada o pasado ano polo alumnado do Grao en Comunicación Audiovisual.
RECOÑECEMENTO Á CANTEIRA DA FACULTADE
Xunto a O que queda de nós, optaban a este premio Voces ocultas, de Andrea Varela; Bombas de palenque, de Martín Arufe, e Versos postmortem, de Nico Nargual. Os catro traballos proxectáronse este luns nunha sesión titulada A canteira da FCSC e foron avaliadas por un xurado integrado por tres membros de Crea, Daniel Antelo, Romina Doce e Gero Costas, que decidiu tamén outorgar un accésit á curta de Nargual.
“Este premio ten ese carácter especial de recibilo na casa, xunto coas curtas das nosas compañeiras”, salienta o director de O que queda de nós, que incide en que os traballos seleccionados para esta iniciativa amosan “a variedade e as distintas sensibilidades que houbo na nosa xeración”.
Rodada na Fonsagrada, O que queda de nós presenta unha historia enmarcada nun contexto distópico, que ten como principal foco narrativo a relación entre unha filla e unha nai, dúas cazadoras que viven illadas nas montañas e foi realizada por un equipo integrado por 14 estudantes do campus. A curta acumula xa máis de 25 premios e seleccións para os festivais, de entre os que Gómez Abad destaca a súa escolla para a Semana de Cine Fantástico e de Terror de San Sebastián, “un festival que é do mellor do cine de xénero no mundo e que cualifica para os premios Meliés”.