Comerciantes da zona vella, atemorizados pola onda de roubos, piden máis vixilancia e mellor iluminación
Por Manu Otero & Mónica Patxot
A Policía Nacional detivo esta semana o presunto responsable de, polo menos, cinco roubos e outros moitos intentos en establecementos comerciais da zona vella da cidade desde finais do mes de novembro.
A actividade do asaltante tivo lugar principalmente nos Soportais da Ferrería e na contigua rúa Manuel Quiroga, unha das áreas comerciais máis activas da zona monumental e na que os propietarios destas viven agora con medo a sufrir un novo asalto.
O responsable destes roubos, un home de mediana idade de complexión delgada, alto e con antecedentes policiais, foi identificado, detido e posto a disposición xudicial. Con todo, acabou sendo posto en liberdade á espera de xuízo. É por iso que a inquietude aumenta entre o colectivo de comerciantes.
"Fai falta máis vixilancia", reclama a propietaria de Alma Gemela; "é unha zona moi escura, debería haber máis iluminación", pide a dona de Lagasca Vintage; "faltan policías", engade a titular de Tolf, tenda que sufriu dous asaltos nun prazo de cinco días nos que o ladrón lle subtraeu unha importante suma tanto en efectivo como en mercadorías.
Neste caso, o modus operandi foi o mesmo nos dous días. O primeiro asalto tivo lugar na madrugada do día 1 de decembro cando rompeu o cristal dunha das dúas portas e accedeu ao interior. Fumando, permaneceu uns vinte minutos nos que tivo tempo a probarse un abrigo, facerse co botín da caixa rexistradora e abandonar o establecemento co chaquetón posto sen que ninguén fixese nada por impedilo.
O segundo asalto tivo lugar na madrugada do 6 de diembre, ao redor das 7 horas, e foi máis rápido. Neste caso foi un barrendero o que alertou á Policía ao atoparse a porta rebentada.
"Eu vou poñer todos os medios ao meu alcance para que non me volva a ocorrer", asegura a dona que xa tiña sistema de videovixilancia, pero que implantará agora alarmas e instalará reixas nas portas. Aínda así, pide á Administración municipal e ás forzas de seguridade que cumpran tamén coa súa parte. "O día do primeiro asalto non chegarían a tempo porque estaban nunha intervención nunha discoteca nos arredores da cidade", lamenta a dona.
Maior tranquilidade daríalle, a ela e ao resto do colectivo, unha maior presenza de axentes da Policía Local patrullando unha zona con escasa iluminación, deserta polas noites durante a semana, pero moi concorrida cando abre o lecer nocturno.
Estas peticións son compartidas pola ampla maioría dos comerciantes, que coinciden en afirmar que falta presenza policial e iluminación. Tamén se mostran preocupados pola escalada de intentos de roubo. Nos últimos días, o asaltante tratou de acceder aos postos do mercado de Nadal da Ferrería e a tres tendas da rúa Soportais, sen contar o dobre asalto á boutique de Manuel Quiroga e a outros comercios da zona.
Por todo iso, fan un chamamento ao goberno local para que tome as medidas oportunas para acabar con esta situación de inseguridade. "Aos que por fortuna non nos pasou nada, si que temos medo", conclúe a propietaria de Alma Gemela.