Deteñen por segunda vez en dúas semanas un ladrón que leva cinco roubos e dous intentos desde novembro
Por Natalia Puga
Axentes da Policía Nacional de Pontevedra detiveron un veciño da cidade de 33 anos que desde hai días ten unha intensa actividade delituosa. O home ten antecedentes policiais e nos últimos 15 días xa lle atribúen cinco roubos consumados e outros dous intentos en diferentes establecementos
Segundo a información facilitada pola Comisaría Provincial de Pontevedra, o mozo foi identificado e detido e, a continuación, posto a disposición xudicial. Finalmente, foi posto en liberdade.
Os últimos roubos que lles atribúen producíronse entre o 6 e o 11 de decembro. Consideran que é o responsable de dúas tentativas de roubo con forza en establecementos na contorna da praza da Ferrería o día 6 utilizando o mesmo “modus operandi” para tentar acceder ao local: fracturar o cristal da porta de entrada.
O 10 de decembro tamén lle atribúen o roubo nun establecemento comercial ao que supostamente entrou tras forzar o enreixado e fracturar o cristal da porta de acceso. Unha vez dentro, subtraeu o contido da caixa rexistradora, 56 euros.
O 11 de decembro volveu entrar presuntamente noutra tenda tras fracturar o cristal da porta de acceso. Nesta ocasión, levou da caixa rexistradora 420 euros.
Por mor das denuncias por estes últimos feitos, os axentes iniciaron as investigacións para pescudar a identidade do responsable e os axentes da Brigada de Policía Científica realizaron as correspondentes inspeccións oculares para tratar de achar algún tipo de vestixio.
Unha vez concluídas as pescudas, detivérono nas inmediacións da praza Marqués de Valterra, en Estribela.
Xa antes destes roubos, a finais de novembro, atribuíranlle tres delitos de roubo con forza en diferentes establecementos comerciais. Foi detido e tamén posto en liberdade.