Poio aprobará antes de final de ano un orzamento récord de 13,47 millóns de euros
Por Oskar Viéitez
O Concello de Poio aprobará antes de que finalice este ano o orzamento municipal correspondente a 2022, que ascenderá a 13,47 millóns de euros, marcando deste xeito un novo teito histórico.
Esta partida supón un incremento do 3,5% (450.000 euros) con respecto ao de 2021 e preto dun 6% máis co de 2020. O documento pasará pola comisión de Facenda do vindeiro mércores e levarase a pleno para a súa aprobación na sesión ordinaria de decembro, fixada para o día 21.
Os dirixentes municipais salientan que estas contas son "prudentes e realistas", ao mesmo tempo que "garanten a eficiencia do mantemento dos servizos básicos, da mellora da asistencia social e o desenvolvemento de actividades lúdicas, deportivas, sociais e culturais".
O concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro, recalca, ademais, que "aínda está pendente de realizarse a liquidación do exercicio vixente", que, ao igual que en anos anteriores, prevese que servirá para que montante final do orzamento de 2021 supere os 20 millóns de euros.
Un dos apartados nos que se rexistra un maior incremento é no de servizos sociais, que pasará a contar cun importe de 1,3 millóns de euros, o equivalente a practicamente o 10% do Orzamento. Esta partida aumenta en preto de 150.000 euros e tamén contempla unha suba para o Fondo de Emerxencia Social, a través do cal o Concello presta servizo ás familias con menos recursos.
En canto aos servizos básicos (subministro de auga, saneamento, alumeado e recollida de lixo), tamén se rexistra un aumento, ata cubrir máis do 33% do presuposto (4,4 millóns de euros).
No apartado de investimentos, contémplase unha previsión inicial de 638.000 euros, un 11,93% mais que en 2021. En todo caso, Xulio Barreiro aclara que este é un apartado "que non está pechado", o que permitirá incluír as subvencións e achegas que ao longo do ano se vaian obtendo a través doutras administracións.
Asemade, o goberno local prevé efectuar actuacións de relevancia como a compra de terreos para o novo centro de saúde (valorada en 300.000 euros) ou a ampliación do cemiterio de San Xoán (200.000 euros), xa contempladas no exercicio actual e que actualmente se atopan na fase final da súa tramitación, co obxectivo de seren unha realidade ao longo de 2022.
Por outra banda, o goberno municipal tamén mantén a súa política de conxelación de taxas e impostos municipais. Así, un ano máis, os recibos correspondentes a servizos básicos (auga, saneamento e lixo) non experimentarán cambios, unha tendencia que se mantén desde o ano 2013.
"O rigoroso control que levamos a cabo dos gastos permítenos continuar garantindo e mellorando prestacións sen que iso repercuta nas economías das familias", sinalan os dirixentes municipais.
Ademais, o Concello lembra que en 2022 entrarán en vigor varias das bonificacións aprobadas este ano.
Relacionadas:
-
O Concello de Poio prevé un remanente de tesourería de máis de 2 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |
-
Moldes acusa o goberno local de abrir 2022 coa maior débeda da historia
Por Redacción |
-
Poio proxecta a humanización e reforma integral do núcleo do Xuviño
Por Redacción |
-
Aprobadas modificacións no orzamento para mellorar o campo de fútbol da Reiboa e a sede de Protección Civil
Por Redacción |
-
O novo parque de calistenia de Poio emprazarase preto do parque de Costa Xiráldez e xa ten permiso de Costas
Por Redacción |