A Fiscalía investiga o contrato municipal polos terreos da Canicouva
Por Alejandro Espiño
O alugueiro dos terreos para a planta de compost da Canicouva está baixo a lupa da Fiscalía. A área de delitos económicos está a investigar as presuntas irregularidades que existirían no contrato asinado entre o Concello e os comuneiros en 2015.
Todo parte da denuncia presentada polo Partido Popular o pasado 9 de novembro, na que se advertía da posible ilegalidade cometida polo goberno municipal ao aprobar un último pago de 20.000 euros, en febreiro deste ano, co contrato xa vencido.
O Ministerio Público requiriu ao Concello toda a documentación administrativa que consta no expediente deste contrato para analizar todos os detalles e comprobar se, como aseguran os populares, existe algún tipo de irregularidade ou ilícito penal.
O portavoz do PP, Rafa Domínguez, entende que da actuación municipal dedúcese que se cometeron os delitos de prevaricación e malversación de fondos públicos, segundo manifestou este xoves en rolda de prensa.
Ademais de censurar que se pagaran catro anos de alugueiro polos terreos "sin tan siquiera haber iniciado el estudio para dicha planta", Domínguez lembrou que o Concello pagou 20.000 euros máis tras extinguirse o contrato, algo que considera "injustificado".
"Se han tirado 100.000 euros de todos los pontevedreses en alquilar terrenos que no se usan", engadiu o líder do PP, que denunciou o "oscurantismo" do goberno municipal sobre este contrato porque "seguimos sin saber quién dio la orden para alquilarlos a ese precio".
A maiores, Rafa Domínguez reiterou que esta actuación é unha "clara irregularidad" e pregúntase "qué ha hecho la comunidad de montes con ese dinero", xa que asegura que sería un "escándalo épico" que terminase "en los bolsillos de los vecinos" da Canicouva.
"QUE INVESTIGUEN O QUE QUEIRAN. NON HAI NADA"
Desde o goberno municipal, o edil César Mosquera defendeu a actuación do Concello con respecto a este contrato e mantivo que a Fiscalía "pode investigar o que queira" acerca deste expediente porque "non van a atopar nada".
Tras asegurar que o Concello pontevedrés "debe ser o máis investigado de Galicia" e, nestes procesos, "nunca houbo nada", Mosquera mantivo que o contrato cos comuneiros da Canicouva segue en vigor, a pesar de finalizar os seus catro anos de duración.
No devandito contrato figura unha cláusula adicional na que se explica que, se ningunha das dúas partes denuncia o contrato, este prorrógase automaticamente, e nin o Concello nin a comunidade de montes manifestaron a súa intención de finalizar a súa relación contractual.
Ademais, apuntou que todos os trámites e pagos realizados no marco deste contrato contan cos informes favorables dos funcionarios municipais, defendendo que o prezo pactado no seu día "foi un regalo", tendo en conta os prezos de mercado.
O Concello asegura que mantén os seus plans para utilizar eses terreos para construír a planta de tratamento de compostaxe, centro que figura no novo contrato de xestión de residuos que tramita o goberno municipal e cuxo horizonte se fixa para o ano 2023.
Relacionadas:
-
Lores tilda de "covarde" ao PP por ocultar o arquivo da investigación sobre os terreos da Canicouva
Por Alejandro Espiño |
-
A Fiscalía non ve delito no aluguer dos terreos da Canicouva e arquiva a denuncia do PP
Por Natalia Puga |
-
O PP solicita á corporación o seu apoio unánime á familia de Canet de Mar que pediu clases en castelán
Por Oskar Viéitez |
-
Rafa Domínguez denunciará ante a Fiscalía tres contratos do goberno local
Por Redacción |
-
O PP denuncia que o Concello segue pagando polos terreos da planta de compost co contrato extinguido
Por Manu Otero | Creada e actualizada
-
O recibo do lixo en Pontevedra non subirá "custe o que custe" o novo contrato
Por Alejandro Espiño |