Investigan a aparición dunha mancha de gasóleo no Lérez
Por Redacción
Unha mancha de gasóleo que apareceu no río Lérez, á altura do mercado de abastos, está a ser investigada polas autoridades municipais.
Foi localizada arredor das 11.40 da mañá pola Policía Local que se trasladou ao lugar xunto a técnicos da empresa concesionaria do servizo da auga, Viaqua, en resposta ao aviso dos veciños que alertaban un forte cheiro a gasóleo na zona.
Os técnicos revisaron toda a rede de pluviais en busca da orixe do gasóleo. Seguiron o rastro ata o entorno da zona da igrexa da Peregrina, onde se perdían as evidencias.
Se ben non se puido coñecer a orixe da vertedura, os técnicos concluíron que se tratou de pouca cantidade.
Tendo en conta experiencias anteriores, todo apunta a que a orixe da vertedura pode estar na limpeza ou fuga dunha caldeira, de particulares ou de comunidades de veciños, que nestas datas proceden ás limpezas das súas caldeiras de calefacción.
A empresa concesionaria tamén revisou a rede de saneamento por se existiran verteduras nesta e tivese algunha influencia na EDAR, pero non atopou ningún rastro de gasóleo nesta rede.
Ademais de investigar a orixe da vertedura, Viaqua tratou de minimizala pero as fortes choivas fixeron que chegase rapidamente á ría e, se ben se desprazaron medios de limpeza, non foi posible realizar a limpeza do mesmo.
Na actualidade a mancha de gasóleo está á altura da ponte da Barca.