O conflito laboral en ambulancias Transa deriva nunha convocatoria de folga a partires do venres 1
Por Anxo Lourido
Os traballadores de Ambulancias Transa, empresa concesionaria dos servizos de emerxencia en Pontevedra, Marín e Bueu, convocaron unha folga indefinida a partir do venres 1 de novembro ante a falta de acordo coa empresa na negociación dos salarios, do cadro de traballo e das horas para 2014 e 2015.
Os representantes do comité de empresa que preside Alfonso Boullosa de UGT denuncian que a dirección abriu 17 expedientes sancionadores que afectan ao 90% dos condutores. E a raiz destes expedientes na maioría dos casos abertos "por falta de mantemento do vehículo", segundo os representantes sindicais, a empresa os "chantaxea para rebaixar as condicións laborais".
O comité no que teñen representación os tres principais sindicatos, UGT, CIG e CC.OO., apunta a que a dirección pretende que cada traballador do plantel perda entre 700 e 800 euros anuais, alegando que a empresa non atravesa un bo momento.
O representante da CIG, Xabier Aboi, lamentou a situación na que se encontra esta empresa "é ou exército de Pancho Villa e ou SERGAS mira para outro lado" sinalando as deficiencias de Transa con dificultades para atender os diferentes servizos do 061. Aboi ademais denunciou que a dirección estaba a utilizar un detective privado para perseguir os traballadores e os delegados sindicais.
Neste mesmo sentido de responsabilizar ao SERGAS e á Inspección de Traballo desta situación interveu o secretario comarcal de CC.OO., José Luis García Pedrosa, que entende que é necesario que a Administración controle a situación laboral e o servizo que se está prestando a concesionaria.
Este mércores manterán unha reunión para negociar os servizos mínimos en Santiago e tamén foron convocados, segundo fontes sindicais, pola Inspección de Traballo para intentar unha nova negociación que impida a folga que afectará, polo menos, a trece concellos das Rías Baixas que son atendidas polos servizos de Urxencias Sanitarias de Transa.