Os sindicatos reclaman á Xunta o rescate da concesión das ambulancias de Transa
Por Anxo Lourido
Os sindicatos esixen á Consellería de Sanidade e ao 061 o rescate da concesión do servizo de ambulancia de asistencia sanitaria que realiza a empresa Transportes Sanitarios Pontevedra Norte (Transa).
Durante o mediodía deste mércores 11, máis de vinte traballadores arrouparon os representantes do comité de empresa para denunciar que o empresario Benito Mirazo incumpre as condicións do prego de concesión administrativa do servizo ata o punto de que a base de Bueu "no cuenta con las condiciones de higiene que tiene que tener, ni las de emergencia de cara a salidas, no cuenta con las condiciones de instalación electrica, no tenemos agua caliente ni seguridad respecto al coche porque está en la calle..." segundo afirmaba o presidente do comité de empresa, Alfonso Boullosa.
Os traballadores denunciaron que a empresa está a dificultar o desenvolvemento da folga indefinida que o persoal iniciou o luns 9 sen preocuparse, ademais, pola asistencia sanitaria dos usuarios.
A Inspección de Traballo volveu convocar os representantes sindicais para o venres 13 coa finalidade de realizar unha aclaración do laudo. Os empregados anuncian que van asistir pero "no tenemos nada que discutir ni aclarar sobre el laudo. Es de obligado cumplimiento". E engaden que o empresario están incumprindo o laudo, o convenio colectivo e o prego da concesión administrativa con "acoso y chantaje permanente al persoal", segundo apuntaba o presidente do comité. Nese laudo arbitral establecíase que o empresario tiña que pagar as horas de presenza dos traballadores, algo que segue sen facer segundo denuncian os sindicatos que indican que "ahora la empresa intenta establecer que el personal solo haga 8 horas pero así no se cumple el laudo".
O persoal indica que non se desconvocará a folga se só retiran os 17 expedientes abertos aos traballadores que esixen tamén a retirada do cadro laboral actual ademais do cumprimento do convenio respecto ao risco laboral e que as bases de Bueu, Marín e Pontevedra reúnan as condicións que establece o prego de condicións da concesión.
Os secretarios comarcais de CIG e CC.OO., Marcos Conde e José Luis García Pedrosa, manifestaron a necesidade de que a Xunta interveña e rescate esta concesión coa subrogación dos traballadores, "se non o fai, teremos que pensar que hai conchabeo", sinalou Conde. Dende os sindicatos indican que existen antecedentes doutro rescate hai case unha década coa empresa Ambulancias de Galicia.
Relacionadas:
-
Os traballadores de Transa só ven solución ao conflito das ambulancias se intervén a Xunta
Por Redacción |
-
Fracasa a mediación no conflito de ambulancias
Por Oskar Viéitez |
-
Os traballadores de ambulancias Transa prevén unha folga longa
Por Oskar Viéitez |
-
O conflito laboral en ambulancias Transa deriva nunha convocatoria de folga a partires do venres 1
Por Anxo Lourido |