Conca do Lérez inaugura o seu primeiro obradoiro de emprego para 22 persoas
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Un total de 22 persoas desempregadas dos concellos de Campo Lameiro, Cotobade e Cerdedo comezaron este luns o primeiro obradoiro de emprego do consorcio Conca do Lérez, no que, na parte práctica, se levarán a cabo actuacións sobre a ribeira dos ríos Lérez e Meneses (afluente do primeiro).
No marco das actuacións executadas no obradoiro crearase unha ruta de sendeirismo e recuperaranse áreas degradadas en Campo Lameiro; acondicionaranse os grupos arqueolóxicos de Castro de Penalva, Rotea, Chan da Lagoa e Matabois; instalaranse zonas de viveirismo en Campo Lameiro e Cerdedo; acondicionarase a ruta de sendeirismo Frei Martín Sarmiento; realizaranse labores de repoboación no monte Barcia-Batán-Baiuca e mantemento de zonas verdes en Cerdedo; e, por último, prevese o desenvolvemento de actuacións silvícolas na Praza do Concello de Cerdedo e na área recreativa e parque público de Tomonde.
A directora xeral de Formación e Emprego, Ana María Díaz López, inaugurou en Cerdedo esta iniciativa mixta de formación e emprego na que os participantes poderán formarse e acadar un posto laboral nas especialidades de atención sociosanitaria no domicilio e en traballos forestais.
Díaz López destacou que son profesións que contan "cunha porcentaxe de inserción laboral por riba da media" e que ao tempo que os participantes reciben formación e acadan un posto laboral, a comunidade benefíciase dos labores que levan a cabo. A Xunta investirá preto de 200.000 euros.