Barro elabora un proxecto para analizar a súa situación enerxética e reducir as emisións de CO2
Por Redacción
O Concello de Barro elaborou un proxecto ao abeiro do Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible (PACES), un programa no que participan as localidades asinantes do Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía Sostible do que Barro forma parte desde o ano 2019.
O obxectivo deste proxecto foi o de deseñar as accións a levar a cabo nos vindeiros anos de cara a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro no concello.
Este proxecto analizou e cuantificou a pegada de carbono dos equipamentos, instalacións e edificios municipais, da rede de alumeado público e mesmo dos vehículos municipais, así como tamén analizou todo o proceso do ciclo da auga e do ciclo dos residuos no municipio.
O estudo tamén examinou o consumo de enerxía do sector residencial e do transporte de vehículos tanto privados como comerciais.
Este traballo evidenciou que Barro emitiu á atmósfera, durante o ano 2019, 13.407 toneladas de CO2 equivalente, o que se corresponde con 3,64 toneladas por habitante.
Os datos amosan que o transporte privado e comercial a través do consumo de combustibles fósiles é o sector que máis contribúe a estas emisións.
Co resultado deste estudo e en base aos parámetros acordados no Pacto das Alcaldías, concretouse un obxectivo de redución do 44% para o ano 2030 e deseñouse un plan de acción que servirá de guía para as actuacións que o goberno municipal porá en marcha nos vindeiros anos co obxectivo de reducir a pegada de carbono no concello.
Para a elaboración deste proxecto, o Concello contou cunha axuda da Consellería de Medio ambiente, Territorio e Vivenda, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), de 3.980 euros.