Moraña humanizará a Rúa 6 con fondos do ReacPon
Por Redacción
A mellora do centro urbano da vila é un dos obxectivos que persegue o goberno local para facer de Moraña unha vila máis amable para os veciños.
Dentro dese eixo de acción, enmárcase a próxima obra de humanización que levará a cabo o Concello na Rúa 6, no tramo que une o casco urbano co núcleo rural de Mos, paralelo ao edificio do Multiusos.
Este proxecto, "madurado e traballado polo consistorio", foi aprobado por parte da Deputación de Pontevedra para acadar fondos do Programa ReacPon.
O obxectivo do proxecto de humanización que se pretende levar a cabo é o de "recuperar o espazo urbano para o peón", explica o alcalde morañés, José Cela, que indica que se conseguirá grazas á creación "dunha plataforma única que mellore todo este tramo, que é o que menos tráfico soporta na rúa en total e que linda co noso Multiusos".
Ademais, engadiu Cela, nesta zona é na que se celebra a feira comercial dúas veces ao mes, polo que é un punto estratéxico no que mellorar a mobilidade urbana.
Segundo se extrae do proxecto, no tramo que conecta co núcleo de Mos crearase unha senda de 2,6 metros de ancho, que coexistirá coa calzada de dous carrís, á que se lle renovará totalmente o pavimento.
Con toda esta reestruturación, conseguirase crear un espazo peonil xunto ao Multiusos, eliminar barreiras arquitectónicas e embellecer este tramo de rúa, así como mellorar a mobilidade no tramo que chega ata Mos. Ademais, renovarase todo o alumeado público.
Cela asegura que con este proxecto "poderemos revitalizar o centro de Santa Lucía" e, seguir avanzando na posta en marcha de actuacións de mellora urbana para Moraña.
O orzamento global do proxecto é de cerca de 200.000 euros, para os que se recibirá unha cofinanciación do ReacPon de 180.000 euros, mentres que o Concello aportará os restantes 20.000 de fondos propios.
Cela declara estar satisfeito por ter acadado a inclusión neste programa provincial, "xa que demostra que temos proxectos sólidos que merecen a inversión pública doutras administracións para mellorar o noso municipio".