Segue o ascenso de casos covid na área sanitaria e Galicia suma dúas novas mortes pola enfermidade
Por Redacción
Mantense a tendencia ascendente de casos covid na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés e en Galicia, segundo os datos que ofrece a Consellería de Sanidade.
Rexístranse 114 casos activos na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, oito máis que este luns. Destes enfermos, un atópase hospitalizado desde fai dúas xornadas en planta do Hospital do Salnés, segundo indican desde a xerencia. O resto de pacientes recupéranse nos seus domicilios
Nas últimas 24 horas realizáronse 167 probas PCR, co resultado de doce novos casos confirmados. Desde o inicio do plan de continxencia curáronse 21.311 pacientes, sete máis que o luns, nesta área sanitaria. O número de vítimas coa enfermidade mantense en 205 pacientes.
DOUS FALECEMENTOS EN GALICIA
Nas últimas horas, a Consellería de Sanidade comunicaba a morte de dous pacientes en Galicia debido á pandemia: unha muller, de 58 anos, que falecía o 12 de novembro no seu domicilio na área sanitaria de Ferrol. Neste caso non contaba con enfermidades previas, segundo indican as mesmas fontes; e unha muller de 85 anos, que falecía o 14 de novembro no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, neste caso con patoloxías no seu historial clínico. A Consellería de Sanidade non ofrece datos sobre a vacinación das vítimas porque considera que se trata dunha información confidencial.
Con estas dúas mortes, o número de persoas falecidas en Galicia desde o inicio do plan de continxencia ascende a 2.658 persoas.
Os casos activos sitúanse este martes en 1.367, que son 82 máis que na xornada do luns. Por áreas sanitarias, estes casos atópanse repartidos da seguinte forma: Ourense: 322 (+27); A Coruña-Cee: 317 (-); Vigo: 263 (+30); Lugo: 134 (+10); Santiago-O Barbanza: 123 (+10); Pontevedra-O Salnés: 114 (+8) e Ferrol: 94 (-3).
Aumenta tamén a presión hospitalaria ao atoparse 56 enfermos en planta, tres máis que o luns; e outros dez nas Unidades de Coidados Críticos, un máis que onte.
Nas últimas horas detectáronse 122 positivos novos. Trátase de 14 contagios diarios menos aos notificados durante o luns e 48 máis que os recolleitos durante o martes da semana pasada.
Relacionadas:
-
Continúa o aumento de casos covid na área sanitaria: 156 enfermos con infección activa, 32 máis que o mércores
Por Redacción |
-
O 'vacinódromo' terá prazas de estacionamento de balde só para as persoas con mobilidade reducida
Por Oskar Viéitez |
-
124 casos activos, este mércores 17, na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés con tres persoas ingresadas en planta hospitalaria
Por Redacción | Creada e actualizada
-
A área sanitaria supera os cen casos activos e en Galicia elévanse a 1.285 positivos
Por Redacción |
-
Pontevedra-O Salnés sitúase en 95 casos activos, cun paciente hospitalizado con covid-19
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Continúa o incremento de casos activos por covid-19 en todas as áreas sanitarias de Galicia
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |