O Banco de Alimentos contará con 200 voluntarios para iniciar a súa tradicional "Gran Recollida"
Por Redacción
Máis de 200 voluntarios participarán na Gran Recollida de Alimentos 2021 que a Fundación Provincial Banco de Alimentos levará a cabo en supermercados de Pontevedra, Marín, Lalín, Sanxenxo, Vilagarcía, Soutomaior e Caldas de Reis.
A acción solidaria, que se desenvolverá do 19 ao 25 de novembro a nivel estatal, contará coa colaboración duns douscentos voluntarios durante as dúas primeiras xornadas. E para coñecer cal será o seu papel nos supermercados nestes dous primeiros días, os colaboradores recibiron este luns unha charla por parte do presidente da ONG, Iván Martínez.
Por motivos da pandemia, non se poderán recoller alimentos físicos polo que a figura do voluntario é fundamental para trasladar os mecanismos de doazón cento por cento virtual. Hai tres maneiras de colaborar: achegas económicas ao pasar pola caixa do supermercado, adquisición de cestas solidarias ou transferencia a través de www.bancoalimentosvigo.org e Bizum co código 01139.
Un ano máis, as superficies comerciais adheridas á "GranRecogida2021" xerarán un saldo froito desas doazóns a favor da nosa ONG que será trocado por compras directas de alimentos ao longo de 2022. Cos 550.000 quilos de alimentos recadados durante a edición anterior, o Banco de Alimentos puido dar resposta a todas as necesidades xurdidas e, grazas a esa cifra récord de solidariedade nunca antes rexistrada, tamén se puido dar resposta ao incremento de persoas vulnerables ás que atenden.
Desde o Banco de Alimentos agraden publicamente a implicación de todos os voluntarios que se mobilizarán en Pontevedra e as súas comarcas, un labor imprescindible para poder recadar quilos de alimentos que permitan seguir adiante coa actividade humanitaria o próximo ano 2022.
Este ano o padriño da GranRecogida2021 é o actor vigués Pedro Alonso, recoñecido mundialmente pola súa interpretación de Berlín na Casa de Papel. O pasado 2 de novembro, o novo embaixador recibiu o peto de voluntario en Vigo e, despois, trasladouse a Pontevedra para coñecer in situ o labor humanitario no almacén da delegación pontevedresa.
Relacionadas:
-
A última Gran Recollida do Banco de Alimentos recadou menos da metade que hai un ano
Por Oskar Viéitez |
-
Os voluntarios do Banco de Alimentos toman os supermercados pontevedreses coa súa Gran Recollida 2021
Por Redacción |
-
Quince familias de Pontevedra con pacientes oncolóxicos reciben doazón de alimentos
Por Redacción |
-
O actor Pedro Alonso, "orgulloso" padriño do Banco de Alimentos para "reconectar con las cosas que importan"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |