O Programa Universitario de Maiores homenaxea en Pontevedra ás súas últimas promocións, marcadas pola pandemia
Por Redacción
A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra acollerá este venres 12 de novembro un acto especial, a gradación de 44 novos titulados dos dous ciclos do Programa Universitario de Maiores (PUM) da Universidade de Vigo.
Trátase de varias das promocións deste programa que achega a universidade a todas as idades, e que o ano pasado debido á pandemia non celebrou ningún acto.
En concreto a gradación reúne por unha banda á XVI e XVII promoción de titulados e tituladas universitarios sénior, aqueles que completaron o Ciclo Intensivo do PUM deseñado especificamente para este colectivo, e, por outra, á XIV e XV promoción de titulados superiores sénior, aqueles e aquelas que realizaron o Ciclo Integrado no que comparten materias co alumnado de diferentes graos.
Este programa celebrou por última vez un acto de gradación en 2019, en Ourense, reunindo tamén ao estudantado dos tres campus. "Entendemos que é un acto único", destaca respecto diso José Luis González Cespón, coordinar do programa.
A gradación conta habitualmente con sede rotatoria, que cada curso organiza unha sede do programa. Nesta ocasión, a pandemia provocou que Pontevedra teña que recibir tanto a aqueles que completaron estes estudos no curso 2020-2021, como aos que o finalizaron no 2019-2020.
Son de feito as promocións que viron como a pandemia obrigaba en marzo de 2020 a continuar de maneira virtual a formación no programa durante uns meses. "A participación foi moi complicada para todos, profesores e alumnos, xa que sen aviso previo aviso vímonos abocados a traballar nunha contorna virtual para a cal non estabamos preparados", recoñece González Cespón.