Estudan novas titulacións para o campus que sexan "acordes" á súa especialización
Por Redacción
Os responsables da Universidade de Vigo están a estudar as posibles novas titulacións que poderían implantarse en Pontevedra cando se aborde o novo mapa galego de estudos universitarios. Buscaranse títulos que teñan en conta a especialización do campus.
O reitor da universidade, Manuel Reigosa, adiantou que impulsaranse graos e mestrados "que veñan a fortalecer os que xa hai e establecer sinerxías".
Polo momento, os trámites máis avanzados serán para as novas facultades de Deseño e de Dirección e Xestión Pública, centros que se abordarán no Consello Galego de Universidades en xaneiro ou febreiro do vindeiro ano.
A intención da Universidade de Vigo é que ambas facultades compartan espazo nunha parcela situada nos terreos que ocupaba antigamente Tafisa.
Para iso, xa negocian co Concello a sinatura dun convenio que lles permita facer uso deses terreos e que non implique devolver ningún dos edificios que, cedidos pola administración municipal, ocupa a universidade: a sede de Belas Artes e a Casa das Campás.
Nun informe presentado ante o Consello do Campus, os dirixentes universitarios coñeceron o estado das obras de acondicionamento das tres plantas que terán a súa disposición no edificio da Xunta en Benito Corbal ou as 74 medidas incluídas no plan de acción do Green Campus.
Ademais, repasáronse todas as actividades e programas impulsados desde o campus de Pontevedra nos seus diferentes ámbitos de actuación, entre elas a recente inauguración da Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes ou a creación da nova aula de teatro.
Relacionadas:
-
O novo grao de Deseño ofertará 45 prazas no seu primeiro ano
Por Alejandro Espiño |
-
Luz verde á creación en Pontevedra das novas facultades de Deseño e de Dirección e Xestión Pública
Por Alejandro Espiño |
-
A Universidade de Vigo presume de alumnado
Por Redacción |
-
Teresa Portela e Susana Rodríguez estrean aula propia na facultade de Fisioterapia
Por Redacción |
-
O Programa Universitario de Maiores homenaxea en Pontevedra ás súas últimas promocións, marcadas pola pandemia
Por Redacción |