42 anos de cárcere e 480 millóns de multa para os acusados pola "Operación Bodeguilla"
Por Redacción
A Audiencia de Pontevedra condenou a penas que suman 42 anos e medio de prisión e multas por 480 millóns de euros a cinco dos acusados de tentar introducir un alixo de máis de 400 quilos de cocaína a través do porto de Alxeciras. A droga tiña Galicia como destino.
Por este operativo, que foi bautizado como "Operación Bodeguilla", sentou unha sexta persoa no banco dos acusados, pero foi absolta polo tribunal.
A dous dos implicados, os maxistrados da Audiencia imponlles nove anos e nove meses de cárcere por cometer, cada un deles, dous delitos contra a saúde pública, un deles de substancias que causan grave dano na saúde e en cantidade de notoria importancia.
Ademais, condénanlles polo delito de participación en grupo criminal e ordénanlles pagar unha multa de 140 millóns de euros cada un.
Ambos os acusados, naturais de Cidade Real e de Ourense, segundo o fallo do tribunal, foron os que contactaron cos distribuidores da droga en Colombia e os que coordinaron a todos os participantes nesta operación.
O tribunal tamén sentencia a outros dous membros da organización criminal, de nacionalidade colombiana, a sete anos e nove meses de prisión e ao pago dunha multa de 100 millóns por dous delitos contra a saúde pública e outro de participación en grupo criminal.
Ao quinto dos condenados caeranlle sete anos e medio de cárcere e unha multa de 100.000 euros por cometer un delito contra a saúde pública, concorrendo a agravante de reincidencia.
Nesta causa, inicialmente, estaban investigadas oito persoas, pero unha delas segue fuxida da xustiza e a oitava faleceu o ano pasado.
Este último era o histórico narcotraficante Luciano 'Chano' Núñez, coñecido como Lucky Luciano, condenado no seu día pola Operación Nécora e que, segundo os investigadores, era o líder desta rede que pretendía establecer unha vía estable de entrada de droga por Alxeciras.
Para iso, segundo declara probado a sentenza da Audiencia de Pontevedra, formaron un grupo criminal que tiña "como finalidade última e exclusiva", a introdución en España de drogas e estupefacientes, principalmente cocaína, para a súa comercialización.
A súa actividade desenvolveuse polo menos, apuntan os maxistrados, entre novembro de 2015 e maio de 2016, data esta última na que foron interceptados polas autoridades.
Foi cando planearan introducir a droga polo porto de Alxeciras, a través de contedores e mediante o sistema coñecido co nome de "gancho cego", para o que subornaron a un axente da Garda Civil con 11.000 euros tratando de evitar as inspeccións.
Pero este informou os seus superiores e aceptou actuar como axente encuberto dentro da organización, permitindo interceptar os 423 quilos de cocaína que, repartidos en dezaseis mochilas, estaban ocultos nun contedor con froita que viña desde Colombia.
A droga, segundo as estimacións das autoridades, alcanzaría un valor no mercado superior aos 56 millóns de euros.
Relacionadas:
-
O fiscal Antidroga mantén a petición de 77 anos de cárcere para a rede de narcos do falecido 'Lucky Luciano'
Por Natalia Puga |
-
Os acusados da operación Bodeguilla exclúense de toda relación co alixo de droga e acusan un garda civil
Por Natalia Puga |
-
O xuízo da Operación Bodeguilla acolle a declaración do falecido "Lucky" Luciano
Por Oskar Viéitez |