Cerca do 10% do orzamento municipal destínase a obras nas parroquias do rural
Por Redacción
A piques de finalizar o exercicio económico, o Concello de Pontevedra fai balance das obras executadas nas 15 parroquias do rural. Segundo destacou o concelleiro de Rural, Demetrio Gómez, entre traballos concluídos, en execución ou tramitación, este ano investíronse 5,28 millóns de euros, unha cantidade que se aproxima aos seis millóns se se suman as actuacións sobre o patrimonio material. ÿ dicir, case o 10% do orzamento municipal.
Trátase de obras que se realizaron "en todas e cada unha das parroquias" e cuxa prioridade foi consensuada, sinalou Demetrio Gómez, cos respectivos consellos parroquiais. "O importante non é o orzamento delas, senón que se foron priorizando polo seu interese público a través dun proceso democrático e participativo", explicou o concelleiro nacionalista.
Todas elas compartían un mesmo obxectivo, "que atendesen ao maior número de persoas posible, que se fixesen obras de alta calidade e aplicasen medidas de seguridade viaria e de calmado do tráfico". Neste sentido, ante a imposibilidade de instalar 'lombos' nalgunhas zonas, "improvisáronse outras medidas que servirán para que os condutores pasen máis despacio polas zonas máis poboadas".
A maior parte destas obras corresponderon a espazos urbanos, nos que se investiron 2,78 millóns de euros. A saneamento destináronse 1,51 millóns, mentres que 200.000 euros foron a centros sociais, 400.000 euros a alumeado público, 217.000 euros a parques e xardíns e 20.000 euros a fontes.
Con respecto ao ano que ven, Demetrio Gómez afirmou que está en marcha xa un estudo sobre as prioridades de cada parroquia, que será analizado nos consellos parroquiales en próximas semanas. "Somos conscientes de que aínda queda moito por facer, e estamos a traballar para que o ano que vén se manteña este investimento, ou incluso sexa maior".
En todo caso, o que o Concello ten claro é que a Xunta non asinará un novo convenio para continuar co saneamiento do rural pontevedrés, vendo que nos orzamentos "non ven nin unha peseta" para esta materia.