A Deputación pide á Xunta que asuma a titularidade da estrada que une Caldas e Catoira

Por Redacción
A Deputación pide á Xunta a reactivación do proceso de transferencia mutua de carreteras asinado no 2010 para que, principalmente, o goberno autonómico asuma a titularidade da estrada provincial EP-8001 que une Caldas, Carracedo e Catoira. No escrito remitido ao presidente Núñez Feijoo e á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, argumentan que esta vía absorbe un importante volume de tráfico que circula entre dúas vías de alta capacidade, como son a autovía autonómica AG-11 do Barbanza e a AP-9.
A carta recorda, ademais, que a transferencia da EP-8001, incluíndo a ponte interprovincial de Catoira, xa foi solicitada en 2016 nun acto público no que participaron a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, xunto aos alcaldes de Catoira, Alberto García, e Rianxo, Adolfo Muíños e que se celebrou no viaduto sobre a ría de Arousa.
A Deputación invoca agora a cláusula sexta do acordo entre a Consellería e a Deputación, asinado o 14 de decembro de 2010 entre o exconselleiro Agustín Hernández e o expresidente provincial, Rafael Louzán, polo que se crea unha Comisión de Seguimento bilateral entre ambas as dúas institucións formada por dous representantes de cada unha. O acordo, paralizado desde hai unha década,segue vixente pois a súa cláusula final e sétima establece que a súa duración “virá determinada polo prazo en que se cumpran as actuacións sinaladas".
A EP-8001 conta cunha lonxitude de 10,2 km e no acordo prevese a súa transferencia completa atendendo ao seu carácter interprovincial e ao feito de que asume un elevado volume de tráfico (en torno a 8.000 vehículos día, especialmente no tramo entre Catoira e Carracedo, onde se sitúa o enlace coa AP-9) e moita circulación pesada-industrial. Todo elo repercute na seguridade viaria. A Deputación suxire na carta enviada a Ethel Vázquez a posibilidade de que unha vez encadrada na rede autonómica de estradas, a Xunta valore a posibilidade de transformala nunha vía de alta capacidade que enlace a autovía do Barbanza coa Autoestrada do Atlántico.
Finalmente, a misiva expresa a vontade da Deputación de cooperación institucional para cumprir o resto dos compromisos adquiridos en 2010 coa sinatura deste acordo, é dicir, de asumir a titularidade das 10 estradas autonómicas que, polo seu carácter secundario, encaixan mellor na rede provincial de estradas, unha rede que suma 1.700 km repartidos en 377 vías e cunha lonxitude mesmo superior á da suma de tódalas estradas autonómicas e estatais da provincia.