Investigan a morte dunha octoxenaria que caeu dende un terceiro piso
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5268342b7e83b-suceso-gafos-2.jpeg)
© Diego Torrado
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/526834907a50a-suceso-gafos-3.jpeg)
© Diego Torrado
A Policía Nacional e o Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra abriron unha investigación para esclarecer a morte dunha muller de 79 anos que sobre as 20.00 horas deste mércores caeu dende un terceiro piso na rúa Ponte Novo, na zona de Palamios.
A vítima é unha veciña da rúa Ponte Novo que vive cos seus dous fillos, pero nese momento estaba soa na casa. Por motivos que se descoñecen, se precipitou dende a súa fiestra do terceiro piso e as primeiras informacións recollidas no lugar dos feitos parecen apuntar a que faleceu no acto.
As primeiras investigacións descartan que se poida tratar dunha morte violenta e apuntan a que a muller puido caer por despiste ou mesmo puido facelo de forma voluntaria, pero nin a xuíza nin a Policía o determinaron aínda. Os veciños do propio inmoble explicaron que a muller, viúva dende hai un ano, presentaba unha grave doenza dende había tempo.
Todo aconteceu pasadas as 20.00 horas. Unha moza que baixaba polas escaleiras do hotel Dabarca cara a Palamios viu como unha persoa se precipitaba e ía parar a unha zona de céspede situada ao pé do río dos Gafos, a escasos metros da ponte da rúa Ponte Nova. Inmediatamente dirixiuse ao punto no que había caido e, cando chegou, encontrouse cunha muller de idade avanzada con múltiples fracturas que aparentemente xa non respiraba.
En cuestión de segundos chegaron ao lugar un home que estaba na beirarrúa de en fronte e unha veciña do edificio que escoitaron un forte ruído e, ao asomarse para ver que pasaba, viron un corpo tirado no chan. Sentiran o impacto e entre os tres intentaron reanimar a vítima, pero xa falecera.
As testemuñas alertaron de forma inmediata a Policía Nacional e o 061 e unha ambulancia desprazouse ata o lugar, pero xa non actuou. De inmediato, tres patrullas policiais acordoaron a zona e deron aviso ao Xulgado de Garda. Acabábase de abrir a investigación para esclarecer a morte mentres no lugar se producían escenas de dor, en especial no momento en que chegaron os dous fillos da falecida.
Arredor das 21.00 horas chegou ao lugar unha dotación da Policía Científica e, posteriormente, o servizo funeraria e a xuíza de garda. Sobre as 21.50 horas ordenouse o levantamento do cadáver e os integrantes da comisión policial e xudicial dirixíronse ao interior do piso da falecida para solicitar datos que axuden a esclarecer o sucedido e entrevistáronse cos seus dous fillos.