Malestar no colectivo da Enfermaría pola súa exclusión do comité avaliador da xestión da covid-19
Por Redacción
O Colexio Oficial de de Enfermaría de Pontevedra, xunto cos órganos colexiais de A Coruña, Lugo e Ourense, trasladaron ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, o seu malestar tras coñecer a decisión do Ministerio de Sanidad de non contar coa súa profesión á hora de configurar o comité avaliador da xestión da covid-19 a nivel estatal.
A profesión non comprende que estas profesionais sanitarias non formen parte do grupo encargado de avaliar a xestión que as diferentes administracións fixeron da pandemia porque "as enfermeiras teñen que achegar a súa visión sobre as virtudes e debilidades percibidas no sistema", xa que desde a irrupción da covid-19 estiveron na primeira liña da loita contra o virus a nivel asistencial, organizativo e xestor.
O colectivo está dacordo en que o comité inclúa a expertos e expertas en Epidemioloxía, Economía e Saúde Pública, "cuxa presenza é básica", pero cre que a integración das enfermeiras é de igual xeito fundamental para axudar a comprender como se xestionou a pandemia e aprender dos erros cometidos.
Os colexios de Enfermaría das catro provincias galegas agardan que o Ministerio de Sanidad sexa capaz de percatarse a tempo da necesidade da representación deste colectivo para acadar, efectivamente, unha avaliación rigorosa e independente.