Retoman a petición da figura do profesional de enfermería escolar
Por Redacción
Co inicio do novo curso escolar, o colexio oficial de enfermería de Pontevedra, xunto cos de Ourense, A Coruña e Lugo, retomou unha vella reivindicación que outras organizacións levan tempo demandando: a figura dun profesional da enfermería escolar e a súa implantación en todos os centros educativos de Galicia.
Nun comunicado conxunto, sinalan que xa hai esta figura en centros de Educación Especial e privados e/ou concertados e cren que debe estenderse a todos os centros educativos, onde frecuentemente teñen lugar situacións que fan necesaria a intervención dunha enfermeira e, ademais, poderían ter unha importante función educativa, pois ven fundamental que os nenos e nenas reciban desde unha idade temperá educación en hábitos de vida saudable.
Os colexios lembran que esta figura é "sempre fundamental", pero, neste momento de pandemia mundial, é "imprescindible" para garantir unha contorna escolar saudable e segura para o alumnado, o equipo docente e demais persoal do centro educativo.
Ademais, sinalan que as enfermeiras, que levan case dous anos na primeira fila da loita contra a Covid-19, "son as profesionais mellor preparadas para a xestión dos equipos Covid-19 de cada centro".
As entidades colexiais advirten tamén de que o profesorado do ensino non universitario de Galicia vese de novo obrigado a sumar ao seu labor docente a coordinación dos equipos Covid-19 de cada colexio, a interlocución coa administración e a elaboración dun Plan de adaptación á situación Covid-19 individualizado para cada centro. Na súa opinión, "non se lle pode obrigar nin esixir estar preparado" para facer fronte a determinadas situacións como a prevención e identificación de casos, a rápida actuación ante posibles contaxios e protección de todo o alumnado, profesorado e resto de persoal do ámbito educativo, tarefas para as que a enfermeira escolar conta cos coñecementos e a formación adecuada.
Sinala, así mesmo, que cando as autoridades sanitarias dean o visto e prace á vacinación dos menores de 12 anos, a figura da enfermeira escolar permitiría trasladar os puntos de inoculación aos centros educativos, axilizando o proceso e reducindo custos.
Relacionadas:
-
O descenso da natalidade preocupa nos equipos directivos e ANPAS de Escolas Católicas de Pontevedra
Por Redacción |
-
Malestar no colectivo da Enfermaría pola súa exclusión do comité avaliador da xestión da covid-19
Por Redacción |
-
Reclaman a presenza de persoal de enfermería nos centros educativos de Galicia
Por Redacción |