Moraña destina 40.000 euros a construír unha estación de bombeo en As Teixugueiras
Por Redacción
O Concello de Moraña destina 39.898,58 euros á creación dunha estación de bombeo de augas residuais que permitirá o transporte e impulsión destas augas á rede de saneamento e que cheguen ata a EDAR de Moraña.
O alcalde, José Cela Camiño, visitou nos últimos días as últimas actuacións das obras levadas a cabo para a estación de bombeo, que inclúen tamén a correspondente conexión das vivendas coa rede de saneamento xa existente no lugar de As Teixugueiras.
As obras sufragáronse con cargo a unha subvención do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2021 da Xunta de Galicia e correron a cargo da empresa Granitos Sadira S.L. de Moraña.
Desde o Concello destacan que este tipo de actuacións son "de gran importancia para beneficiar ás veciñas e veciños de Moraña" á vez que se protexe o medio ambiente. Insisten tamén en que teñen proxección de futuro de ir ampliando a rede de saneamento a máis aldeas do municipio.