Convocan as axudas municipais á hostalería de Caldas de Reis

Por Redacción
O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, anunciou este luns que o Concello destina 70.000 euros do orzamento municipal para axudar directamente ás empresas do sector da hostalería e restauración para compensar os efectos económicos das restricións establecidas a causa da Covid-19.
Estas axudas son compatibles con as outorgadas por outras administracións.
As Bases da convocatoria foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia do pasado venres, e o prazo para presentar as solicitudes de forma telemática é de quince días naturais a contar dende o pasado sábado.
Cada un dos establecementos solicitantes recibirá un importe de 750 euros que poderá verse incrementado no caso de que resulte un remanente de crédito afectado á convocatoria.
As persoas físicas ou xurídicas beneficiarias deben exercer a actividade de servizos de restaurante, cafeterías ou bares, hospedaxe ou axencias de viaxes, e ter o seu centro de traballo e domicilio fiscal en Caldas de Reis.
O Concelleiro de Facenda, Jacobo Pérez, destacou que estas axudas foron estudiadas conxuntamente coas asociacións de Hostalería e de Comercio do municipio, co obxectivo de facilitar a súa adaptación ás necesidades das empresas de Caldas.