A Deputación recolleu 53 vehículos abandonados no que vai de ano

Por Redacción
A Deputación de Pontevedra, no marco da súa aposta medioambiental e de apoio aos municipios, conta desde o ano 2015 cun servizo de retirada de vehículos abandonados ou fóra de uso que ofrece aos municipios de menos de 50.000 habitantes.
Trátase dunha prestación de competencia municipal e gratuíta para os concellos, dos que actualmente hai adheridos un total de 45. Segundo destacou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, "é fundamental loitar contra a contaminación ambiental e tamén contra a visual".
Neste senso, no que vai de 2021 xa retiraron 53 vehículos a través deste servizo, que consiste na recollida do vehículo e o posterior tratamento de descontaminación. Previamente, os concellos deben tramitar a súa declaración como residuo urbano.
Finalmente, Carmela Silva lembrou o impacto destes vehículos, "xerando millóns de toneladas de residuos, pero cando son recollidos, estes restos poden ser reutilizados e reciclados ata o 95% dos seus elementos. A chamada economía circular".