A depuradora de Praceres, en plena fase final de probas
![Natalia](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/9b5/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/577f8fbb69-hkm23_ri.jpg)
Por Natalia Puga
As obras de mellora da estación depuradora de augas residuais de Praceres están xa na "última fase de probas" coa intención de que a súa entrada en funcionamento sexa xa inmediata como un "fito importante" para o saneamento de Pontevedra no que se realizou un investimento autonómico de 16,5 millóns de euros.
Así o indicou este luns a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, que compareceu ante os medios de comunicación acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, para presentar o proxecto de acondicionamento da estrada autonómica PO-546 na contorna de Estribela.
Despois da comparecencia, a preguntas dos medios de comunicación, realizou un repaso polo estado das actuacións que a súa consellería ten en marcha en Pontevedra e indicou que esta fase de probas dos sistemas de tratamento é tamén a "fase final de mellora", de maneira que a súa posta en funcionamento está pendente do resultado destas probas.
En canto ao novo emisario submarino, a conselleira sinalou que están actuando, sobre todo, no proceso de fabricación das grandes tubaxes, cun proceso de construción pioneiro. Este novo emisario submarino vai separar os vertidos industriais e os residuais e contará coas dimensións axeitadas ás necesidades actuais e futuras.
As obras proxectadas darán servizo a unha poboación aproximada de 141.204 habitantes para o ano horizonte 2042 e, tal e como sinalou a conselleira, está previsto que estará rematado no ano 2022.
Unha vez rematadas a depuradora e o emisario, será "un paso importante para a calidade das augas" da ría de Pontevedra.
OBRAS DO GRAN MONTECELO
Ethel Vázquez tamén explicou este luns que as obras de ampliación do Hospital Montecelo, o bautizado como Gran Montecelo, van "avanzando" segundo "o cronograma previsto", unha vez rematadas xa as escavacións agás nunha parte condicionada por un servizo afectado, o gas.
"Agardamos seguir avanzando", indicou a responsable autonómica, que sinalou que nestes momentos se atopan con traballos de cimentación.
Relacionadas:
-
Estriceres alerta do mal cheiro e o ruído que causa a reformada depuradora de Praceres
Por Redacción |
-
Así avanza a perforación do túnel do tramo terrestre do emisario en Praceres
Por Redacción |
-
Aprobados máis de dez millóns de euros para o contrato de explotación da depuradora dos Praceres
Por Redacción |
-
A situación de ENCE "non vai a ser obstáculo", segundo a Xunta, para sanear a ría
Por Alejandro Espiño |