En trámite a adquisición de 700 composteiros individuais para repartir de xeito gratuíto entre a veciñanza de Poio
Por Redacción
O Concello de Poio ten previsto adquirir proximamente un total de 700 composteiros individuais, que serán postos a disposición da veciñanza de xeito gratuíto.
A tenente de alcalde e responsable do departamento de Obras e Servizos Municipais, Chelo Besada (PSOE), explica que este proxecto sufragarase cunha partida específica duns 100.000 euros do Remanente de Tesourería correspondente ao exercicio económico de 2020.
Adquirirase tamén material para os Centros de Compostaxe Comunitarios (CCC) que xa están operativos desde hai meses en diferentes emprazamentos e núcleos da parroquia de San Salvador, como son A Caeira, Valiñas ou Rosalía de Castro.
Chelo Besada confía en que estes 700 novos recipientes estean moi pronto a disposición da cidadanía, toda vez que "son xa moitos os veciños e veciñas os que se teñen posto en contacto co Concello para consultar sobre o seu uso e solicitar unha unidade. Trátase sobre todo de residentes en zonas nas que aínda non hai composteiros comunitarios".
Ademais, a concelleira de Obras e Servizos Municipais amosa a súa satisfacción pola rapidez coa que se esgotou o reparto dos composteiros individuais que o Concello de Poio recibiu por parte de Sogama hai uns meses, ao abeiro da adhesión da Administración local ao Programa de Compostaxe Doméstico impulsado pola propia Sogama . Algúns destes recipientes tamén foi instalado no Centro de Maiores Ballesol, na parroquia de San Salvador, así como en diferentes centros educativos.
Relacionadas:
-
Poio entrega á cidadanía o compost producido nos centros comunitarios de San Salvador
Por Redacción |
-
Últimos días para solicitar composteiros individuais en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Escolares do CEIP Lourido descobren os segredos do funcionamento do composteiro comunitario
Por Redacción |
-
Poio entrega un composteiro á residencia Ballesol
Por Redacción |
-
Xa funciona o segundo centro de compostaxe comunitario da parroquia de San Salvador
Por Redacción |